As Xornadas Empresariais de Bergantiños incidirán en como dixitalizarnos e como sacarlle partido
martes, 17 de abril do 2018
É
posíbel concibir hoxe en día un encontro empresarial e de
emprendemento sen abranguer as posibilidades das novas tecnoloxías
da información? A resposta é de maneira categórica “non”, e
así o entenden os organizadores das terceiras Xornadas
Empresariais de Bergantiños, que se van celebrar no Fórum de
Carballo nas tardes dos días 10, 22 e 29 de maio, e que van incluír
no seu programa un bloque adicado en exclusiva ás posibilidades da
dixitalización empresarial e aos mellores xeitos dos que dispoñemos
para acadala. O epígrafe das xuntanzas fala por si só dos seus
obxectivos: Adaptarse para competir con éxito cando todo cambia.
Nun
plano máis xenérico, as xornadas contarán coa presenza de catro
empresarios da comarca de Bergantiños, un economista, dous
enxeñeiros, un avogado, un notario, o director rexional de ICEX, o
conselleiro económico comercial da Embaixada de España en Santiago
de Chile e o propio alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, para
sensibilizar e orientar sobre os atrancos do emprendemento, o
reducido tamaño de boa parte das PEME, as dificultades para acceder
ao crédito e os requirimentos para buscar o afianzamento noutros
mercados.
As
xornadas, que son de balde (previa inscrición en liña), están
dirixidas a empresarios, directivos de PEME e empresas familiares,
emprendedores, sucesores, autónomos, profesores de Formación
Profesional e dirixentes de asociacións. Na organización atópase a
consultora Eurogabinete coa colaboración do Concello de Carballo, o
ICEX e a Asociación Castaño y Nogal.
O
programa inclúe seis relatorios de cualificados expertos, unha mesa
redonda e coloquios cos asistentes ao final das xornadas.
Na
primeira xornada abordaranse cuestións como a xestión dos recursos
humanos, o talento e o liderado empresarial. Tamén haberá unha mesa
redonda sobre modernización de empresas e exemplos de emprendemento
de éxito local na que participan tres empresarios da comarca e o
director do Centro Efa-Fonteboa. Ver programa.
A
segunda xornada centrarase na innovación tecnolóxica, no deseño de
procesos, na presentación de produtos e na mercadotecnia e a venda
dixital (en liña), amais de incidir na comunicación comercial e na
presenza en Internet con perfil propio e diferenciado en páxinas web
e pasarelas de pagos. Estes temas serán avaliados por Thais Pérez e
Diego Fraga, enxeñeiros da Universidade de Vigo. Pechará a xornada
o letrado director das xornadas, Antonio Álvarez, cun relatorio
sobre Riscos e condicionantes da consolidación e supervivencia
empresarial.
Na
terceira xornada abordaranse a internacionalización das empresas
españolas e a cuestión da substitución xeracional na empresa
familiar.