As TIC non acaban de chegar ás nosas maiores de 65 anos

mércores, 27 de maio do 2015 Redacción

Que as novas tecnoloxías non están feitas á medida de todos é algo que se deduce do estudo levado a cabo polo Intituto Nacional de Estadística (INE), que vén de tirar conclusións da súa Enquisa sobre equipamento e uso de tecnoloxías da información e comunicación nos fogares. A dita análise, achegada polo Instituto Galego de Estatística, sinala que o uso de computadores, Internet, teléfonos móbiles e comercio electrónico ocupan un espazo ínfimo entre as mulleres galegas maiores de 65 anos, traducíndose isto nunha fenda dixital de xénero en Galicia.
Emporiso, malia os esforzos que se están a facer dende os Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (con case un cento de aulas espalladas por todo o territorio galego, amais dos programas desenvolvidos por deputacións e concellos) tanto no uso de ordenadores, Internet e dispositivos móbiles, coma no acceso ao comercio electrónico, as galegas entre 65 e 74 anos amosan un perfil moi baixo, con porcentaxes moi inferiores ás dos homes galegos e moi afastadas da media estatal.
No caso do resto de España, o uso que fan as mulleres das TIC é menor que o dos homes, agás o caso dos móbiles, onde é parello, agás en Galicia. Os resultados indican que o teléfono móbil é o máis empregado por este grupo de persoas en todo o estado, sendo os homes galegos de 65 a 74 anos os que máis salientan no uso destes trebellos, con porcentaxes algo superiores á media. Porén, a diferenza do que acontece no resto de España, en Galicia mantense a dita fenda de xénero no acceso a estes dispositivos.
En canto ao comercio electrónico, cómpre dicir que aínda ten moi poucos seguidores entre as persoas maiores, sendo case nulo entre as galegas, dato que contrasta co dos homes, cuxa actividade no comercio electrónico sobresae por riba da media estatal.
De falarmos do uso do computador, as nosas maiores están nunha situación case de igualdade coas súas semellantes doutras autonomías, mais tamén aquí (coma no resto de apartados) se sitúan lonxe das porcentaxes acadadas por eles.
E sen esquecer a Internet, obsérvase que a súa introdución entre o colectivo de persoas maiores en Galicia é ben inferior á do resto de España, sendo especialmente baixa entre as mulleres.

PUBLICIDADE