As TIC foron co-protagonistas do Plan de dinamización galega 2016-2020

mércores, 22 de setembro do 2021 S. P.

O secretario xeral de Política Lingüística nunha imaxe de arquivo no Pazo de San Roque

O Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico xa impulsou máis dun centenar de actuacións destinadas a afianzar a presenza do galego nas actividades produtivas e empresariais, poñendo o foco non só nos ámbitos de actuación máis tradicionais, senón tamén nos eidos de comunicación máis avanzados (redes sociais, páxinas web, aplicacións, campañas de mercadotecnia, eventos en liña, etc). Esta cifra foi achegada no Parlamento polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen debullou na mañá deste 22 de setembro o devandito plan, un programa que terá continuidade dos vindeiros anos, apuntou.
Na súa opinión, este plan “soubo reorientarse para seguir cumprindo cos seus obxectivos principais grazas aos distintos plans de reactivación económica postos en marcha pola Xunta para incrementar o uso da lingua en todos os sectores”.
Valentín García salientou que desde o 2016 o Goberno autonómico contou con este instrumento fundamental para o desenvolvemento de accións de promoción da lingua galega no ámbito empresarial e comercial: “O Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico é o resultado de desenvolver o Plan Xeral de Normalización Lingüística e foi un auténtico revulsivo para concienciar a sectores da economía galega que tomaron consciencia por distintos motivos da utilidade e responsabilidade de usar a nosa lingua á hora de ofertar os seus produtos”, indicou Valentín García. “Debido á súa necesidade e tamén á súa acollida, poñeremos en marcha a renovación deste plan por catro anos máis ata o 2025”, engadiu.
O secretario xeral aproveitou para anunciar a sinatura dun convenio da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para “que investigadores de recoñecido prestixio da dita universidade e da Universidade de Vigo (Uvigo) realicen un estudo sobre o impacto económico da lingua galega no noso sistema económico”.
Un amplo abano de ámbitos de actuación
En total, dixo, durante os cinco anos de vixencia do plan, realizáronse máis de 100 medidas directas repartidas entre as áreas da alimentación, publicidade, construción e inmóbeis, asesoramento e intermediación, TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), hostalaría e xerais (categoría que abrangue as actuacións aplicábeis a todo tipo de empresas que non son específicas de ningunha das outras modalidades e na cal contabilizouse o maior número de accións ao longo do lustro, superando o 70% das medidas postas en marcha en cada ano natural).
Valentín García puxo o foco na importancia de iniciativas como os Premios de Publicidade en Galego; a colaboración na celebración do Día da Galeguidade Empresarial, impulsada polo Foro Enrique Peinador; as colaboracións con diferentes empresas e entidades para organizar actividades do Día das Letras Galegas, como Vegalsa-Eroski, Feiraco ou Renfe; a organización de certames literarios en colaboración con empresas como Coca-Cola, Repsol ou Abanca; as axudas ás entidades locais para a promoción do uso da lingua galega no ámbito económico; ou o apoio a diferentes actividades que se realizan anualmente como é o caso de Culturgal ou a xornada Xustiza e Lingua.
Nesta recompilación de actuacións levadas a cabo durante o período 2016-2020 tamén fixo referencia “ao efecto das restricións padecidas o pasado 2020 por mor da crise sanitaria”. Esta situación, dixo, “provocou unha redución da realización de actividades de dinamización da lingua galega, tamén as incluídas no plan para o tecido económico”. A raíz desta situación, lanzouse un novo programa, o Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22 (agora indo pola súa segunda edición) dirixido a dous sectores económicos especialmente afectados pola pandemia, o da cultura e o do turismo, inxectando máis de 5,5 millóns de euros entre as dúas convocatorias para fomentar nestes sectores as actividades en lingua galega dentro do Plan de reactivación dos sectores cultural fronte aos efectos derivados da COVID-19 da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE