As TIC afórranlle á Deputación de Lugo ata 100.000 euros por Concello

xoves, 1 de xullo do 2010 Raquel Noya

O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, sabedor de que o futuro das distintas administracións calqueira que sexa o seu tamaño e entorno, reside nas novas tecnoloxías e Internet, vén de presentar este mércores o novo Centro de Proceso de Datos (CPD) da entidade pública que preside e dos Concellos que se adheriron ó Innova-TE, no cal se almacenará e centralizará toda a información dos devanditos organismos para falicitarlle á cidadanía a súa relación coa Administración.
Isto permitiralle aos veciños e veciñas que residan na zona, realizar ata 120 trámites coa Administración a través de Internet, sen ningún outro requisito que conectarse á Rede e acceder á páxina do Centro.
Gómez Besteiro salientou que “o CPD é o corazón do noso programa tecnolóxico, o sistema que bombeará os datos dende a Deputación ós Concellos e viceversa. É o punto de partida da e-administración na provincia, é dicir, o Km0 do noso Km@”.
Logo das auditorías tecnolóxicas de rigor realizadas nos Concellos, a Deputación constatou que só 13 municipios teñen un Centro de Proceso de Datos, malia que a lei obriga ás Administracións a ter un. Asemade, a maioría dos Concellos só dispoñen dalgún servidor de escasa velocidade, sen capacidade de almacenamento, e con graves carencias en materia de seguridade. O organismo provincial pon agora a disposición dos municipios que se sumaron ó Innova-TE , (un total de 50 ata o momento), un sistema de última xeración cos servidores e aplicacións imprescindibles para a implantación da administración electrónica na provincia.
Isto conleva unha serie de vantaxes que o resto dos municipios deben ter en conta para adherirse ao Innova-TE; por unha banda a vantaxe económica xa que o programa ofrécelle aos Concellos a infraestrutura de balde (aforrándolle un total de 100.000 euros) e pola outra a vantaxe da seguridade, xa que o novo Centro está controlado informaticamente cada segundo das 24 horas do día os 365 días ao ano, evitando ataques informáticos.
Este sitúase nunha cámara auto-refrixeradora que, a súa vez, atópase nunha sala acristalada no Pazo de San Marcos baixo fortes medidas de seguridade como cristais blindados ou unha entrada con acceso restrinxido. Ademais, na actualidade o organismo provincial xa traballa na instalación dun CPD de Respaldo nas instalacións da Fundación TIC no Polígono do Ceao que, en caso de accidente, actuará para que non se perda a documentación como sucedeu logo do incendio no edificio Windsor de Madrid. O Presidente salientou que “os Concellos non teñen recursos para isto, e hai que ter en conta que este corazón bombeará datos persoais, fiscais, contables, etc”.
Por último, unha terceira vantaxe radica en que o CPD permitirá que máis de 1.000 persoas interactúen coa administración de forma simultánea ao estar composto por material de última xeración e de baixo consumo. Deste xeito, posúe a mesma memoria RAM que 500 ordenadores. Asemade, ten varios discos duros cunha capacidade de almacenaxe de 32.000 xigas onde se poderán gardar ata 17 millóns de libros electrónicos, ou mesmo 3,5 millóns de documentos dunhas 100 páxinas. Con este novo hardware, o organismo multiplica por 5 o espazo de almacenamento de datos actual.
Porén, o mellor de todo isto é que na Deputación pensan reciclar o antigo CPD, que seguirá dando soporte ás áreas internas de Contabilidade e Recadación.
Agora, a intención deste organismo provincial é sensibilizar á cidadanía das vantaxes da Administración electrónica, algo que fará in situ dende o Pazo Provincial, onde as persoas que se acheguen recibirán cadanseu USB en forma de chave como símbolo dunha “Deputación sempre aberta”.

PUBLICIDADE