As Rías Baixas serán un modelo a seguir no emprego turístico das TIC

luns, 17 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

A entidade estatal Red.es, pertencente ao Ministerio de Economía e Empresa, deu a coñecer este 13 de setembro a selección final de catro proxectos smart galegos para seren financiados a través da convocatoria Destinos Turísticos Intelixentes. Entre estes catro proxectos da nosa terra figura unha relevante iniciativa da Deputación de Pontevedra destinada (entre outras cousas) a levar até o máis lonxe o coñecemento e a reputación das Rías Baixas e a súa contorna. Trátase de Tourist Inside Rías Baixas, que recibirá 1,9 millóns de euros de financiamento por parte de Red.es.
Segundo fixo saber a presidenta da Deputación, Carmela Silva, “a aprobación desta achega indica que estamos facendo as cousas moi ben”. Con Tourist Inside Rías Baixas, tal e como detallou Silva, a entidade que preside pretende “potenciar as ferramentas dixitais existentes amais de crear outras novas, avanzar na interoperabilidade entre os axentes do sector, recompilar e analizar información extraída de diferentes sensores para mellorar a xestión, publicar datos abertos así como promover a calidade na xestión dos destinos turísticos intelixentes”.
Máis polo miúdo, sinalou, a través de Tourist Inside “vanse transformar dixitalmente as oficinas de Turismo Rías Baixas mediante a implantación de mesas interactivas, servizos multimedia e incluso a implantación de puntos informativos virtuais para adaptarnos ás demandas do século XXI”.
Amais de todo o devandito, habilitaranse recursos dirixidos aos visitantes con aplicación móbil e porase o foco na mercadotecnia dixital, na optimización do portal web e na dixitalización do territorio a través de nova sinalización. Esta, explicou Silva, “permitirá establecer un control de fluxos e comportamentos das e dos turistas, protexer o patrimonio histórico e paisaxístico e garantir a sustentabilidade ambiental”.
Por outra banda, o proxecto tamén implica a posta en marcha dunha plataforma de datos abertos (open data) e un cadro de mando integral para explotar información en tempo real e compartila co sector. Asemade, acubillará unha plataforma de interoperabilidade para que as empresas do sector poidan “manter viva e actualizada a información” e a entidade provincial teña máis marxe de manobra para optimizar a promoción dos diferentes produtos turísticos que se xeren.
A convocatoria de Red.es
Amais do proxecto da Deputación de Pontevedra, Red.es vén de seleccionar dúas ducias de proxectos estatais para a súa convocatoria de axudas Destinos Turísticos Intelixentes, pertencentes a nove comunidades autónomas. Destas 24 iniciativas, catro son galegas: a devandita Tourist Inside Rías Baixas (1,9 millóns), a da Mancomunidade do Salnés (1.489.996,42 euros), a do Concello de Ourense (2.908.410,93 euros) e a da Deputación de Ourense (2.989.022,34) euros. En total, estamos a falar de 9.287.429,69 euros para incentivar proxectos de turismo smart na nosa terra.
A resolución prevé mobilizar un investimento total de 68.301.624 euros, dos que Red.es, entidade do Ministerio de Economía e Empresa, achegará 42.487.769 euros (o 62%), grazas ao co-financiamento do FEDER. As entidades locais faranse cargo, pola súa banda, de entre un 20% e un 40% do custo total estimado de cada iniciativa.
Segundo informou a entidade do Goberno, os proxectos beneficiarios impulsarán a aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) ao funcionamento de 24 entidades locais “eminentemente turísticas”, de xeito que se configuren en territorios intelixentes, “con servizos diferenciais e competitivos que garantan cousas como un desenvolvemento sustentábel e accesíbel para todos e que melloren a experiencia do visitante e a calidade de vida do residente”, informou Red.es.
Esta convocatoria estaba dirixida ás entidades locais (concellos, mancomunidades, cabidos, consells e deputacións), así como ás comunidades autónomas uniprovinciais incluídas na Enquisa de Ocupación Hostaleira, elaborada polo Instituto Nacional de Estatística (INE), cunha poboación non inferior a 20.000 habitantes. Os proxectos podían ter un orzamento máximo de 6 millóns de euros, que Red.es financiaría até nun 80%.

PUBLICIDADE