As Pontes activa un boletín informativo dixital para informar á cidadanía da actividade do concello

venres, 30 de xullo do 2021 S. P.

O Concello das Pontes vén de activar un novo servizo de información con formato de boletín dixital a través do que dará conta da información do municipio nas contas de correo electrónico da veciñanza.
O servizo achegará un resumo das principais novas da Ponte que permitirá á cidadanía estar ao tanto da actividade na xestión municipal e no Consistorio.
Aquelas persoas que queiran darse de alta deberán inscribirse a través do formulario correspondente, indicando o nome e o enderezo electrónico no que desexan recibir a información.
Lorena Tenreiro, concelleira de Organización Interna e Medios Locais, apunta que “con este servizo de comunicación abrimos unha nova liña de información fluída, inmediata e directa e melloramos as canles de participación e transparencia das que dispón o Concello”. Segundo engadiu, “buscamos reforzar as vías de comunicación coa cidadanía incorporando de xeito progresivo as novas tecnoloxías”.
Esta nova vía de comunicación súmase ao sistema de avisos vía Whatsapp, que desde a súa posta en marcha no mes de xuño, suma preto de 700 subscritores/as.
A newsletter complementa o servizo de alertas informativas diarias con información sobre as actividades e proxectos postos en marcha desde as diferentes concellerías, contidos de carácter institucional, contidos de alcaldía, urbanismo, economía, seguridade cidadá, benestar social ou igualdade, entre outros, así como información sobre a programación cultural ou deportiva.

PUBLICIDADE