As PlayStation VR chegarán ao mercado con existencias bastante limitadas

mércores, 16 de marzo do 2016 Marcus Fernández

A presentación das PlayStation VR como produto comercial abre unha porta á realidade virtual no ámbito doméstico, pero aínda que se espera que este produto poida ser un grande éxito na campaña de Nadal levado pola simple curiosidade de probar a nova experiencia inmersiva, parece que nos meses anteriores non vai ser doado facerse con unidades deste accesorio para PlayStation 4, ou tal pode desprenderse do feito de que as tendas GAME británicas estean a esixir un depósito de 100 libras esterlinas aos clientes que queren reservar as súas unidades, medida coa que pretenden reducir o número de encargos para poder atendelos satisfactoriamente.
Tamén cómpre salientar que a propia GAME tamén ofrece a posibilidade de mercar as PlayStation VR con unha PlayStation Camera incrementando o prezo do lote en 40 libras esterlinas, deixando así claro que a cámara é imprescindible para gozar da experiencia de realidade virtual da PlayStation 4.
Amazon en Reino Unido tamén acepta reservas das PlayStation VR, indicando claramente que non dispoñen dunha data definitiva de lanzamento do produto e que só aceptan pedidos para de unha unidade por cliente e enderezo ante as limitacións de existencias.
Aparte de servir para gozar de xogos de realidade virtual, as PlayStation VR tamén poden empregarse para ver e reproducir vídeos e fotografías en 360 graos (cada día máis presentes na Internet) e incluso permite facer un uso completo da PlayStation 4, de xeito que cando empreguemos o casco poderemos controlar os menús das consola cunha interface virtual (evitando así a fricción de ter que andar poñendo e quitando o casco) e incluso será posible gozar de todos os xogos de PlayStation 4 nunha especie de cine virtual (solución que pode resultar atractiva para quen queira seguir a xogar cando estea ocupado o seu televisor para outros usos ou que queira experimentar os xogos dun xeito diferente).

PUBLICIDADE