As Oculus Rift sairán á venda a primeiros de 2016

mércores, 6 de maio do 2015 Marcus Fernández

Durante a pasada edición da Game Developers Conference (GDC) Sony confirmou que estrearía o seu casco de realidade virtual o ano que vén, o que daba a entender que a guerra polos xogos de realidade virtual comezaría dentro dun ano, o que faría que o proxecto de referencia neste ámbito comezase a fixarse unha meta, e por fin é así, e dende Oculus aseguran que o seu produto final, as Oculus Rift, chegarán ao mercado no primeiro trimestre de 2016, abríndose o proceso de reserva a finais do presente ano.
Esta tecnoloxía busca ofrecer contido de realidade virtual aos consumidores, para o que desenvolveron todo un ecosistema e unha grande integración entre software e hardware, grazas á contribución de moitos apaixonados xogadores, desenvolvedores e enxeñeiros que se esforzaron en imaxinar como poderían chegar a ser os videoxogos empregando a realidade virtual.
Actualmente están a traballar nun prototipo de Oculus Rift coñecido como Crescent Bay, co que están a conseguir mellorar o sistema de seguimento de movementos para funcionar tanto cando o usuario estea sentado ou de pé.

Nate Mitchell fixo comentarios sobre Oculus Rift durante a celebración do TechCrunch Disrupt

Nas vindeiras semanas darán máis detalles sobre o que chegará co produto final, á vez que animan aos desenvolvedores a comezar a traballar para esta tecnoloxía que promete ser unha revolución, aínda que se atendemos a declaracións do co fundador de Oculus VR, Nate Mitchell, non será barata (rexeitando dar un rango de prezos). Mitchell explicou a un reporteiro de TechCrunch que dende a súa compañía ven “dúas categorías de produto”, de xeito que distinguirían claramente as Gear VR desenvolvidas con Samsung da solución propia de Oculus, que ao funcionar cun ordenador en vez dun móbil para funcionar podería ofrecer unha experiencia moi superior. Tamén adiantou que a mediados de xuño, durante a celebración do E3, saberemos moito máis do que ofrecerá o produto final.

PUBLICIDADE