As Oculus Rift amosan o seu deseño definitivo

venres, 12 de xuño do 2015 Marcus Fernández

A compañía de referencia no desenvolvemento de lentes de realidade virtual, Oculus, lava uns anos cos seus prototipos de Rift, sen fixar unha meta para o lanzamento do produto final, até a pasada noite, cando por fin realizaron unha presentación oficial da versión definitiva de Oculus Rift, un dispositivo de realidade virtual que estará principalmente orientado aos videoxogos, que contará cun mandos chamados Oculus Touch e que incluso contará co apoio de Microsoft para facer realidade unha nova dimensión do lecer electrónico que a longo prazo podería trasladarse a outros ámbitos das nosas vidas.
Parecía inevitable que de cara ao E3, onde se espera que Sony continúa a dar detalles sobre o Project Morpheus, que está previsto que chegue ao mercado na primeira metade de 2016, dende Oculus tiñan que pór as cartas sobre a mesa, e así aproveitaron a súa presentación previa á feira de videoxogos de referencia a nivel mundial para concretar que as súas Rift verán a luz no primeiro trimestre de 2016, sen concretar unha data exacta nin dar pistas sobre o prezo que terá o produto final (que é de agardar que sexa bastante elevado durante os primeiros meses).
Para achegar unha impresionante experiencia de realidade virtual as Oculus Rift utilizan unha tecnoloxía de ópticas e pantalla personalizadas para tal fin, cun par de pantallas AMOLED de baixa persistencia e un casco cunha constelación de LED infravermellos que facilitan o seguimento da cabeza, tanto en posición como en orientación, que en conxunción cun sistema de audio de realidade virtual consegue que crear unha experiencia moi inmersiva que é preciso probar en primeira persoa para poder levar unha boa impresión da mesma, asegurándose que coas melloras incorporadas nos últimos meses conseguiron dar un auténtico salto de xigante con respecto á primeira versión desta solución de realidade virtual.
As Rift tamén melloraron considerablemente en ergonomía, procurando ser o máis cómodas e estables posibles, de xeito que esforzáronse en reducir o seu peso, facer doada a súa colocación e facer que levar as lentes postas non se converta nunha tortura para o usuario como acontece con outras solucións de realidade virtual actuais (que provocan grande fatiga).
Aínda que a experiencia óptima con Oculus Rift sería cun ordenador de grande potencia, Oculus aliouse con Microsoft para facer este produto realidade, e coas lentes incluirá un mando sen fíos de Xbox One (considerado practicamente un estándar no xogo para PC) aínda que tamén será posible adquirir o sistema de control Oculus Touch, que consisten en dous mandos (un para canda man) con control de movemento, que en vez de buscar un control de xogo tradicional, pretenden servir para simular os brazos dentro da realidade virtual, creando interaccións moi naturais. Estes mandos integran un stick de polgar analóxico, un par de botóns e un gatillo analóxico, polo que o seu uso sería moi semellante ao de soster un par de pistolas.
Durante a presentación das Rift tamén amosaron algúns dos xogos optimizados para esta tecnoloxía, que poderán probarse no E3, como Damage Core de High Voltage, VR Sports: Challenge de Sanzaru, Esper de Coatsink, AirMech de Carbon e Lucky’s Tale de Playful. Dado que facer estes desenvolvementos non é unha tarefa doada, Oculus tamén anunciou que vai repartir máis de 10 millóns de dólares para acelerar e dar soporte á creación de xogos por parte de desenvolvedores independentes (tanto estudios como individuais).


Vídeo de presentación das Rift

Co apoio de Microsoft

Pola súa banda Microsoft tamén detallou que grazas ás posibilidades de streaming de xogos mediante Windows 10 será posible gozar dos xogos de Xbox One en Oculus Rift, ou sexa, que títulos como Halo, Forza ou Sunset Overdrive poderán verse en lentes de realidade virtual, o que sería practicamente como gozar dos xogos nunha sala de cine particular. Microsoft tamén insistiu no feito de que a mellor plataforma para gozar das Rift será Windows 10.


Kudo Tsunoda e Larry Hryb falan da colaboración de Microsoft con Oculus

PUBLICIDADE