As JAI xuntarán no Campus de Vigo máis dun milleiro de profesionais e estudantes

luns, 26 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

Xa se albisca ao lonxe a edición 2018 das Xorrnadas de Automatización Industrial (as JAI, polas súas siglas en inglés), con toda probabilidade o evento galego e estatal que máis ten feito por preparar o terreo do que hoxe en día se coñece como Industria 4.0, e tamén un dos máis referenciais á hora de tender pontes entre as empresas do sector (o elemento contratador) e o alumnado (o futuro equipo profesional desas empresas). A sétima edición das JAI, que se celebran do 12 ao 16 de marzo na Escola de Enxeñaría Industrial, foi presentada hoxe nos seus detalles polo coordinador e impulsar das xornadas, o profesor José Ignacio Armesto, e máis polo reitor, Salustiano Mato, quen adiantou que “todo indica que as JAI poderán dar en breve o salto e converterse na principal feira tecnolóxica deste sector no noroeste español”. O evento contará coa participación de máis 700 profesionais das principais empresas do sector, 400 estudantes e un convidado de excepción: o robot humanoide Yao, que hoxe amosou as súas habilidades.
Segundo fixeron saber Armesto e Mato, estes encontros oriéntanse á difusión das máis innovadoras e avanzadas tecnoloxías de automatización industrial, combinando as presentacións e conferencias impartidas por líderes sobranceiros no seu sector e por profesionais da industria, institucións e centros tecnolóxicos, achegándose un showroom con 35 postos nos que mostrar a vangarda destas tecnoloxías.
Armesto e Mato tamén sinalaron que gran maioría de empresas que participan nesta sétima edición das JAI (dúas ducias de firmas que apoian o evento de xeito directo e ás que se suman outras como entidades colaboradoras) son multinacionais con presenza en España, algunhas delas presentes nas JAI dende a primeira edición, como Phoenix Contact, Rockwell Automation, Schneider Electric e Siemens e outras de recente creación como Universal Robots ou MiR. “A maioría son compañías moi asentadas no tecido industrial” que abandeiran o terreo da automatización e “adoitan estar presentes en feiras tan prestixiosas como a Automática en Münich ou SPS IPC Drives de Nüremberg”, explicou Armesto, quen fixo fincapé en que, “aínda que sexa de xeito moi modesto, as JAI están a pór a Galicia no mapa de encontros profesionais deste sector e permiten que, tanto os profesionais de aquí como o alumnado, poida coñecer de preto as principais novidades sen necesidade de desprazarse a Madrid ou Barcelona, no mellor dos casos”. Armesto tamén lembrou que no programa de relatorios estarán presentes compañías doutros sectores que dependen da automatización no seu proceso produtivo. Entre elas, PSA Peugeot Citroën, que presentará as innovacións relacionadas coa industria 4.0 que aplican na factoría viguesa; Repsol, que amosará as novas técnicas do proceso químico que empregan, por exemplo, na refinaría da Coruña; e Navantia, que dará a coñecer o seu proxecto Estaleiro 4.0, no que utilizan técnicas de realidade virtual no deseño dos seus produtos.
O programa arrancará o luns 12 de marzo e logo da apertura oficial artellarase en diferentes conferencias. A primeira, correrá a cargo de Juan José Areal, responsábel do Proxecto de Innovación en Proceso do Grupo PSA, que falará sobre automoción 4.0. e seguiranlle membros de Repsol (industria de proceso), Navantia (estaleiro 4.0), HP (vantaxes da tecnoloxía 3D) ou Kuka (robótica).

PUBLICIDADE