As HoloLens saen á venda en España

luns, 4 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Hai un mes Microsoft anunciou que ampliaba o programa de HoloLens a 29 novos países, entre os que figuraba España, e finalmente concretouse a chegada ao noso mercado do primeiro ordenador holográfico autónomo do mundo que executa Windows 10 en 2 versións: Microsoft HoloLens Development Edition, para desenvolvedores, con documentación, titoriais e acceso a foros da comunidade para axudar a crear solucións de realidade mixta; e Microsoft HoloLens Commercial Suite, enfocada a empresas de desenvolvemento, que inclúe a edición anterior engadindo características empresariais para unha mellor administración de seguridade e dispositivos. Os prezos destes produtos son de 3.299 e 5.489 euros respectivamente.
Cómpre lembrar que as HoloLens están aínda moi lonxe de ser un produto comercial, e o que búscase con estes produtos é facilitar a innovación a nivel empresarial, creando solucións de realidade mixta que poidan revolucionar dende procesos industriais até interfaces de usuario.

As HoloLens permiten realizar desenvolvementos de realidade mixta, eido aberto a numerosas innovacións

PUBLICIDADE