As Google Glass para empresas renóvanse

luns, 20 de maio do 2019 Marcus Fernández

Tras unha grande campaña de imaxe en 2015 as Googe Glass agocháronse dos focos para volver en 2017 como un produto máis discreto, as Google Glass Enterprise Edition, solución de realidade aumentada orientada a contornos profesionais como a fabricación, a loxística ou a sanidade, que agora está a renovarse, de xeito que veñen de presentar as Glass Enterprise Edition 2, unha revisión das lentes de realidade aumentada que agora adoptan procesadores Qualcomm Snapdragon XR1, o que supón un grande incremento en potencia e un novo motor de intelixencia artificial.
As novas lentes de Google teñen así unha maior autonomía, mellor desempeño e capacidades de visión artificial e machine learning, á vez que tamén estarán dispoñibles en formatos adaptados a lentes de seguridade da man de Smith Optics.
As Glass Enterprise Edition 2 tamén contan cunha mellor experiencia de cámara, de xeito que as Glass poden funcionar como unha solución de streaming de vídeo en primeira persoa, así como tamén incorpora prestacións de colaboración. O seu porto de carga tamén dá o salto a USB-C, o que consegue cargas máis rápidas.
Para facilitar o desenvolvemento de solucións baseadas nesta tecnoloxía adóptase como plataforma Android, e para facilitar a administración destas lentes na empresa tamén se incorpora soporte para o MDM de Android para Empresas.

Vídeo no que amosan as posibilidades das Google Glass Enterprise Edition 2

PUBLICIDADE