As Bibliotecas da Coruña axudan ás persoas en risco a facer trámites online

luns, 23 de novembro do 2020 Sonia Pena

Co fin de rachar coas barreiras dixitais que (agora máis ca nunca coa crise económica e social da COVID) separan ás persoas con recursos para vivir online das que non dispoñen deles, as Bibliotecas Municipais da Coruña ofrecen un servizo de consulta para axudar aos cidadáns vulnerábeis cos trámites en liña. O obxectivo é “contribuír coas novas competencias a axudar a paliar a situación actual que está a ameazar os colectivos en risco”.
Segundo lembra o Concello da Coruña, o proceso de dixitalización dos trámites administrativos impulsado polas medidas fronte á crise sanitaria está a aumentar a fenda dixital entre os colectivos máis vulnerábeis, que ao mesmo tempo viron como se incrementou a urxencia para realizaren online todo tipo de procedementos dirixidos a recibir servizos básicos. En base a este problema, o Concello e as Bibliotecas Municipais da Coruña acordaron subministrar atención tecnolóxica para a resolución de dúbidas e problemas, tanto para tramitar en liña prestacións sociais básicas como para obter os documentos e certificados esixidos. A alcaldesa e responsable de Cultura, Inés Rey, sinalou que cómpre evitar que se produzan máis desigualdades e “desde o Concello poremos ao dispor das coruñesas e coruñeses todos os medios para lles resolver calquera tipo de xestión e que non queden atrás”.
En cada Biblioteca Municipal da cidade unha persoa experta atenderá de xeito persoal e individual as cuestións que puideran xurdir neste ámbito, como tamén as referidas a outros aspectos tecnolóxicos como son os dispositivos electrónicos, redes sociais, ferramentas, páxinas web etc.

PUBLICIDADE