As Aulas CeMIT conectarán a preto de 800 nenos e nenas de toda Galicia con Papá Noel
martes, 12 de decembro do 2023
- Conexión con Papá Noel na Aula CeMIT de Barreiros, Lugo
Preto
de 800 alumnos de educación infantil de
máis de 20 concellos de Galicia poderán realizar as súas peticións
de Nadal a Papá Noel grazas á rede de vídeo-conferencia da Rede de
Aulas CeMIT ata o día 21 de decembro.
Ao
longo destes días conectarán con Laponia as aulas de Abegondo,
Bande, Bearíz, A Cañiza, Boiro, Carballedo, Castrelo do Miño,
Catoira, Celanova, Fisterra, A Fonsagrada, Guitiríz, Leiro, Marín,
Muros, Ortigueira, Santa Comba, Valga, O Vicedo, Vilagarcía e
Vimianzo, ata completar así as 21 localidades que recibirán a
visita virtual do noso Papá Noel e un total 769 nenos e nenas en 32
sesións.
O
obxectivo desta actividade, que este ano cumpre o seu décimo sexto
aniversario, é “facilitar a comunicación entre Papá Noel e os
nenos e nenas destas localidades, que poderán falar e interactuar
con el poucos días antes da Noiteboa, cando se atendan as peticións
de agasallos de todos os nenos e nenas do mundo”, explica AMTEGA,
coordinadora e impulsora da Rede CeMIT, engadindo que ademais dos
alumnos de educación infantil dos diferentes colexios de Galicia,
tamén terán a posibilidade de solicitar en directo os seus
agasallos a Papá Noel as persoas adultas en situación de
dependencia psíquica do Centro de día de Guitiriz ou do Centro
Aspromor de Ortigueira.
“Con
este tipo de experiencias, a Rede CeMIT da Xunta de Galicia busca
converter estas aulas multimedia en puntos de encontro dos municipios
e dar a coñecer todas as posibilidades que ofrece este tipo de
espazos de comunicación e a tecnoloxía da que dispoñen”, engade
a axencia galega.
A
Rede CeMIT
A
Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión
Tecnolóxica) é unha iniciativa posta en marcha pola AMTEGA que
conta coa colaboración de 91 concellos e está integrada por 94
centros en 52 comarcas que ten entre os seus obxectivos o de promover
o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial
atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar
a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes
e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
A
Rede conta con máis de 110.000 usuarios e leva planificadas máis
de 500.000 horas de formación, desde a súa posta en marcha. A rede
conta con máis de 980 "aliados dixitais" entre empresas,
entidades e voluntarios. A
listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser
consultadas na súa web.