As ACE Eyewear queren facer streaming a través de Facebook, Instagram e YouTube

venres, 5 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

O fracaso das Spectacles de Snap Inc. non disuadiu a outras compañías a preparar produtos semellantes, e agora como como a norteamericana Acton está a aceptar pedidos anticipados as ACE Eyewear, unhas lentes de sol que integran unha cámara capaz de disparar fotografías de 8 Mpíxeles, gravar até 40 minutos en alta definición e retransmitir vídeo en directo a través das plataformas sociais máis populares (Facebook, Instagram e YouTube).
Este curioso produto quere ser realidade antes do verán de 2018, cando terá un prezo de 199 dólares, permitindo agora a súa compra por 99 dólares, captando así financiamento para a súa fabricación. Estas lentes integran na súa patilla un sensor CMOS de 8 Mpíxeles e un procesador de dobre núcleo a 1,2 GHz de baixo consumo que permiten captar imaxes a través unha lente de grande angular de 120 graos e que poden manexarse cun simple botón que poderemos premer para disparar unha fotografía ou gravar un vídeo.
Cómpre destacar que estas lentes de 145 x 145 x 50 milímetros e 50 gramos de peso non son precisamente discretas, xa que o seu deseño chama bastante a atención e, de seren recoñecidas, poderían causar rexeitamento por parte doutras persoas ante o temor de estar sendo gravados.
As ACE Eyewear contan cunha batería de 260 mAh que permítenlle aguantar até 80 horas en espera e hora e media de gravación continua e, dado que é un trebello pensado para empregarse na rúa, contan con protección IP55 para a auga e o po. Para a súa comunicación integran Wi-Fi N e Bluetooth 4.1.

Vídeo promocional das ACE Eyewear de Acton

PUBLICIDADE