As 3D poderían chegar á PlayStation 3 en 2009

luns, 22 de decembro do 2008 Marcus Fernández

Andrew Oliver e Neil Schneider, dous dos principais responsables de Blitz Games Studios

Para rescatar ao cine da crise moitos estudos están a apostar por realizar estreas en 3D, de xeito que achegan ao espectador un valor engadido que o anima a acudir ás salas de exhibición en vez de conformarse coa súa reprodución doméstica en DVD uns meses despois da estrea cinematográfica, pero a experiencia tridimensional podería mellorar substancialmente no fogar grazas á PlayStation 3.
Segundo os responsables dos estudos Blitz Games, Sony estaría a traballar para achegar xogos estereoscópicos en 3D e películas en Blu-ray en 3D durante 2009, para o que só sería preciso actualizar o firmware da consola, aínda que sen detallar o tipo de pantallas e lentes precisos para aproveitar estas prestacións que poderían supor unha grande innovación no lecer electrónico (aínda que experiencias anteriores na visualización 3D se converteron en fracasos absolutos en boa medida pola fatiga que provocan no usuario, polo que haberá que agardar a que esta nova solución baseada no motor Blitz Tech sexa unha realidade para ver se poderá calar no mercado de consumo).

PUBLICIDADE