As 3D nos xogos da PS3 reducirán a calidade dos seus gráficos

luns, 26 de abril do 2010 Marcus Fernández

WipEout HD será un dos títulos que adaptarase ás 3D

Chegado o novo firmware da PlayStation 3, falta pouco para a chegada de varios títulos en 3D para a consola doméstica de Sony, pero os desenvolvedores dos mesmos xa dan detalles bastante evidentes que algúns considerarán decepcionantes, coma é o feito de que a resolución gráfica dos xogos terá que reducirse considerablemente porque a consola deberá procesar 2 imaxes en paralelo (unha para cada ollo) de xeito que un título coma WipEout HD ao verse en 3D pasará de correr a 1.080p para quedar en 720p e incluso reducindo a súa velocidade de refresco a 30 Hz.
Aínda que no caso mencionado, a calidade segue a ser bastante boa, se imos a un xogo coma Motorstorm: Pacific Rift, que en 2D xa corre a 720p e 30 fotogramas por segundo, ¿qué acontece? Pois o xogo debe procesar os seus gráficos a unha resolución inferior para despois sobreescalala, o que supón un importante paso atrás na calidade gráfica, de aí que moitos programadores opinen que as 3D non deberían normalizarse nos videoxogos ata a vindeira xeración de consolas, cando estas xa poderían estar optimizadas para esta tecnoloxía e contarían cunha potencia que permitiría que os xogos fosen realmente a Full HD (algo que hoxe non sempre é posible).

PUBLICIDADE