As 20 firmas que sexan seleccionadas para ViaExterior contará cun campus de formación online as 24h

mércores, 7 de setembro do 2022 S. P.

O delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo (CZFV), David Regades, presentou na mañá deste 7 de setembro a quinta edición de ViaExterior, a aceleradora multisectorial promovida pola propia entidade, que asesora e forma a pequenas e medianas empresas galegas co obxecto de iniciaren ou consolidaren os seus plans de expansión a mercados exteriores. Segundo dixo, as compañías interesadas en participar na nova convocatoria xa poden formalizar a súa inscrición con carácter online ata o 30 de setembro a través da web viaexterior.com.
Na súa intervención, Regades sinalou que “son máis de cen as empresas que pasaron por ViaExterior e o 90% logrou entrar en polo menos un novo mercado, o que mostra que o éxito do programa está garantido”. Engadiu tamén que “debido ao aumento das exportacións, estas empresas tiveron que contratar persoal para a área internacional, tras o seu paso polo programa”. O delegado do Estado animou “a todas as empresas que estean a pensar en dar o salto internacional a participar en ViaExterior, porque se abren oportunidades nunha contorna cada vez máis competitivo”.
20 empresas
Do total de candidaturas presentadas, seleccionaranse 20 empresas que durante 7 meses recibirán formación e asesoramento personalizado a través de tres fases: estratexia, aceleración e acceso a financiamento. Estas tres etapas contemplan obradoiros presenciais con enfoque práctico impartidos por expertos en mercados internacionais, un campus de formación online con acceso 24 horas, un titor para realizar un plan de internacionalización individualizado, adestramento (coaching), vixilancia competitiva e un foro de financiamento e investimento ao concluír o programa.
O Consorcio da Zona Franca de Vigo desenvolverá dúas xornadas informativas sobre ViaExterior V para explicar o programa ás empresas interesadas e liquidar posíbeis dúbidas. A primeira sesión será o luns 12 de setembro ás 9:30 horas a través de Zoom.
Posteriormente, o xoves 15 de setembro, ás 12:00 horas, celebrarase un evento informativo na sede da Asociación de Empresarios Polígono San Cibrao, en Ourense, que contará coa presenza do delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo (CZFV), David Regades.

PUBLICIDADE