Arteixo acolle este venres unha xornada de construción robótica a prol do medio ambiente

xoves, 23 de agosto do 2018 Redacción

Este 24 de agosto, a partir das 10:00 horas, temos unha cita en Arteixo coa robótica, o respecto polo medio ambiente e a sustentabilidade. Trátase dunha xornada de construción masiva de enxeños de Lego Education que ten o obxectivo de “estender os valores e obxectivos de sensibilización medio ambiental”, facendo fincapé, por suposto, nas novas xeracións. A cita cos enxeños tecnolóxicos e a ecoloxía será na praza do Balneario de Arteixo.
Esta iniciativa enmárcase dentro do programa Planeta Limpo, que é un programa integral, promovido pola Fundación Prosegur, que busca sensibilizar e concienciar á sociedade da importancia da conservar a natureza e a diversidade, o impacto e a necesidade da correcta xestión dos residuos. Segundo informa o Concello de Arteixo, é un programa innovador que, na súa terceira edición, desenvólvese na provincia da Coruña.
Esta convocatoria artéllase nunha primeira etapa, que se desenvolveu en 10 colexios da nosa terra (entre abril e maio de 2018) a través de obradoiros nas aulas, onde 1.880 alumnos e alumnas de entre 8 e 12 anos levaron a cabo misións medioambientais coa axuda de robots LEGO Education. A segunda fase veu xusto despois, cunha serie de desafíos medio ambientais para resolver en rede e rematando cunha serie de actividades lúdicas no verán abertas ao público.
Nesta última fase do programa estanse levando a cabo obradoiros ecolóxicos na praza do Balneario (onde participan activamente as persoas inscritas na quinta quenda do campamento educativo) e máis a devandita xornada de construción masiva que se celebra mañá. Esta quedada, unha actividade de fluxo continuo e aberta ao público, pretende afianzar o respecto polo medio mediante a materialización colectiva dun modelo conxunto construído entre todos os participantes. A dinámica levarase a cabo nunha única xornada tamén con material e facilitadores LEGO Education.

PUBLICIDADE