Arsys prepara un servizo de cloud hosting

xoves, 23 de abril do 2009 Marcus Fernández

Os responsables da empresa de hospedaxe web Arsys anunciaron que están a desenvolver o que consideran que será a primeira plataforma comercial de cloud hosting de España, de xeito que ofertarán un novo concepto de servidores baseados en computación distribuída, que permitirá unha escalabilidade sen precedentes, desvinculando o seu servizo dun soporte físico, e converténdose nun servizo no que «o desenvolvedor toma o control absoluto dos sistemas e dos custos, asegurando a escalabilidade de solucións».
O Cloud Hosting de Arsys terá coma principal vantaxe a súa flexibilidade (pois está composto por multitude de servidores agrupados que poden soportar incrementos de carga importantes, axustándose ás necesidades dos proxectos en tempo real), a súa potencia, estabilidade e aforro (facturarase polo seu uso).
Para poder iniciar este nova oferta de servizos, Arsys está a construír un novo Centro de Datos con capacidade para 15.000 servidores, para o que contan cun investimento de 15 millóns de euros, agardando que comece a estar operativo o vindeiro verán.

PUBLICIDADE