Arrinca o proxecto para facer evolucionar dixitalmente os negocios de Ponteareas

luns, 14 de setembro do 2020 Sonia Pena

O Concello de Ponteareas presentou a semana pasada os obxectivos e funcionalidades de Dixitaliza o teu negocio, unha iniciativa que, como se indica no seu nome, vai dirixida a facilitar a evolución tecnolóxica das pemes locais de cara a unha meirande competitividade, un desafío que adquire unha nova dimensión nun contexto, o da COVID, que achega necesidades extra de transformación. O programa inclúe plans de formación e asesoramento individualizado para os comercios de Ponteareas e a planificación de estratexias empresariais adaptadas ao novo contexto. Tamén pon en xogo unha plataforma-escaparate para os establecementos locais que se dirixe a mellorar a visualización dos comercios nas redes.
En palabras da concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, búscase “desenvolver o potencial que ten todo o tecido empresarial do municipio e axudar na súa adaptación ás novas circunstancias do mercado e aos novos hábitos de consumo, sen perder a esencia do comercio local, de tempada e de proximidade”.
A formación estará a cargo de profesionais para dar a coñecer pautas que sirvan de axuda aos negocios, analizando e resolvendo cada situación concreta coa finalidade de incrementar as oportunidades de venda e mellorar a produtividade e competitividade dos negocios, sinalou Eva Gil.
O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, quixo recoñecer “o esforzo realizado polo comercio local para a súa reapertura” e tomando as medidas de prevención necesarias para gañar a confianza dos veciños e reducir os riscos sanitarios e animou a todos os comerciantes a participar neste proxecto, totalmente gratuíto, e que todos os comercios poida adaptar os seus negocios á nova situación derivada da COVID-19”.
Tamén lembrou que os empresarios e autónomos que estean interesados en sumarse ao proxecto Dixitaliza o teu negocio para participar na fomación poderán inscribirse a través da web específica da plataforma.

PUBLICIDADE