Arrinca nas redes a escrita da novela colectiva e interactiva Caramomia
martes, 12 de maio do 2020
As
redes non fixeron máis que confirmar a súa condición de
fundamentais durante este tempo de alarma no que aínda estamos
mergullados, sobre todo á hora de permitir que toda esa creatividade
que levamos dentro poida abrollar libremente e coa vantaxe de chegar
a todos os recantos, ata os máis insospeitados. Este precisamente
resultou ser o intre para experimentar cun novo xeito de facer
literatura: colectivamente e cunha audiencia grande e potencialmente
participativa. A
Deputación de Pontevedra iniciou este camiño con Caramonia,
unha novela xuvenil interactiva que asinan catro autoras e autores
galegos e que arrincou este luns 11 na Rede.
Coa
presentación do primeiro das e dos seus catro personaxes principais,
Roque, arrancou esta semana na rede Instagram a novela
Caramomia, a nova iniciativa cultural que promove a
institución provincial e que busca “implicar a mocidade na lectura
a través da publicación por entregas desta historia xuvenil de
misterio”.
Tralo
proxecto, asinando os capítulos, atópanse Ledicia Costas, María
Lado, Daniel Landesa e O Hematocrítico (pseudónimo de Miguel
López). A obra, que se pode ler tamén na propia páxina da
Deputación de Pontevedra, vai dirixida á mocidade a partir dos dez
anos e foi ideada por estas e estes catro creadores nestes días de
confinamento (de feito, a ficción transcorre tamén na corentena).
Está protagonizada por catro rapazas e rapaces, Roque, Brando,
Mafalda e Mabel e, como apunta a súa sinopse, haberá un feito que
altere a monotonía dos días de illamento: o roubo dunha valiosa
peza do museo.
Despois
dos catro primeiros capítulos (estes publicaranse os luns, mércores,
venres e sábados), que servirán para a presentación dos
protagonistas e da trama, a partir da semana que vén establecerase
ao final de cada entrega un sistema de votacións no que se darán
opcións para que as e os lectores decidan por que camiño vai
avanzando a resolución do misterio. Costas salientou que “a
historia antiga terá unha importancia moi relevante, de aí o título
de Caramomia”, e apuntou que o deseño gráfico da novela é
de Daniel Landesa.
Da
man do primeiro capítulo, a obra colectiva e interactiva arrancou en
Instagram con arredor de 350 seareiras e seareiros. A historia
publicarase ata o 20 de xuño nesta rede e na páxina web da
Deputación e as ligazóns iranse compartindo tamén nos outros
perfís da institución provincial nas redes sociais Instagram,
Twitter e Facebook.