Arrinca en Boiro o centro Lab Barbanza con 18 proxectos emprendedores inscritos
luns, 21 de setembro do 2020
Esta
recta final de setembro vai ser decisiva para o emprendemento na nosa
comarca e para os novos (innovadores e creativos) xeitos de traballar
e producir servizos e produtos. Estamos a falar da posta en marcha
definitiva do
espazo de emprendemento e aceleración Emprende – Lab Barbanza,
que vén da man do Concello de Boiro con financiamento da Deputación
da Coruña e a colaboración da ABE (a Asociación Boirense de
Empresarios). O prazo de inscrición pechou o pasado venres 18 cun
total de 18 proxectos emprendedores da comarca inscritos para
participar na primeira fase do programa, que é fase de formación.
O
abano temático das propostas, segundo informa o Concello, é
completo e amplo, contándose con proxectos tecnolóxicos (como unha
escola online de patronaxe e deseño, unha plataforma de
xestión forestal ou un proxecto para impulsar a dixitalización dos
negocios tradicionais), gastronómicos ou mesmo musicais. A primeira
das fases consiste na formación e mentoring dos 18 inscritos,
dos que 10 pasaran á segunda fase de aceleración.
O
programa Emprende Lab Barbanza ten como obxectivo “impulsar e
fortalecer o ecosistema empendedor actual da comarca do Barbanza, con
novas empresas baseadas no talento, a innovación e o rápido
crecemento”. Para dinamizar e apoiar o lanzamento e crecemento de
proxectos empresariais, vanse ofrecer un conxunto de servizos como
obradoiros de formación teórico- practica e sesións de
asesoramento individuais.
A
primeira das xornadas está prevista para o vindeiro xoves día 24, e
nela todos os participantes de Lab Barbanza van visitar as
instalacións, familiarizarse cos obxectivos e cronograma do programa
e coñecer todas as demais propostas inscritas.