Arrinca a cuarta edición de Ciencia e Tecnoloxía en feminino, no que participa a Tecnópole

martes, 26 de outubro do 2021 S. P.

Patricia Argerey, directora da axencia autonómica GAIN

O Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- participa no proxecto Ciencia e Tecnoloxía en feminino, promovido pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España -APTE-, na que está integrado. O obxectivo desta iniciativa é “lograr que aumente a porcentaxe de alumnas que elixen a especialidade de Ciencias ou Tecnoloxía en Educación Secundaria e opten por carreiras de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería ou Matemáticas (STEM); debido á súa baixa participación nestas materiais”.
A cuarta edición do proxecto arrancaba na mañá deste 26 de outubro en 19 parques e múltiples centros de educación Secundaria de toda España. A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, foi a encargada de presentar esta nova edición desde Galicia. Na súa intervención fixo referencia “á desigualdade da muller na ciencia e a tecnoloxía” e salientou que “é preciso reducir a fenda de xénero nos estudos e nas profesións STEM”. E engadiu: “Necesitamos incrementar o número de rapazas que se deciden polas especialidades de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas, por iso desde Tecnópole queremos poñer o noso gran de area para contribuír a que esta realidade cambie e a que poidamos avanzar cara a unha economía máis innovadora, dixital, sostible e competitiva”.
Este programa diríxese a estudantes de 1º a 3º da ESO e tamén está aberto aos últimos cursos do ensino primario, que poderán participar nunha serie de xornadas e actividades organizadas polos diferentes parques colaboradores ata o mes de abril de 2022.
Tecnópole vai celebrar tres xornadas os días 9, 10 e 11 de febreiro de 2022 (coincidindo co Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia), nas que se convidará a mulleres que traballan nos eidos da ciencia e a tecnoloxía, que relatarán a súa experiencia “de xeito práctico e interactivo”, co fin de que “o alumnado teña a oportunidade de coñecer de preto ás profesionais, interactuar con elas e descubrir as novas posibilidades que lles poden abrir estas disciplinas”. Haberá obradoiros prácticos de temática científica e tecnolóxica (robótica, enerxías renovábeis, matemáticas védicas, nanotecnoloxía, programación ou creación de videoxogos…).
Os centros xa poden contactar con Tecnópole para participar nestas xornadas.
As rapazas e rapaces poderán participar ademais no concurso nacional Propostas Innovadoras aos Retos para o Desenvolvemento Sustentábel. Estes retos están vencellados coa saúde e o benestar, a igualdade de xénero, a enerxía accesíbel e non contaminante, o medre económico ou a acción a prol do clima. A gañadora ou gañador nacional darase a coñecer nunha xornada que terá lugar en Madrid en abril de 2022.
Os participantes nesta edición de Ciencia e Tecnoloxía en feminino recibirán dúas guías. Por unha banda Que quero ser de maior?, a través da que se busca reivindicar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as rapazas. Nela recóllense as saídas profesionais dun total de 36 titulacións, o tipo de labor que se desempeña en cada unha destas profesións, así como a súa utilidade na sociedade actual. Pola súa parte, a guía Que son as tecnoloxías disruptivas? mostrará algunhas das novas tecnoloxías que xa están a revolucionar o mundo -como a cadea de bloques, a análise dos datos a gran escala, a Intelixencia Artificial, a 5G, a ciberseguridade ou a computación cuántica- e as súas posíbeis saídas profesionais.
Amais, o alumnado poderá visitar a exposición Mulleres que cambiaron el mundo, protagonizada por mulleres destacadas en ciencia e tecnoloxía que deixaron a súa pegada ao longo da historia; e a exposición Mulleres que cambian o mundo, na que se destacan a aquelas profesionais do ámbito dos parques científicos e tecnolóxicos que na actualidade están a desenvolver un importante labor nestes eidos. Máis de 150 referentes femininos históricos e actuais.

PUBLICIDADE