Arrinca a aceleradora de novas firmas fintech de Abanca e Lanzadera
martes, 3 de decembro do 2019
- De esquerda a dereita, a xerente de ABANCA Innova, Rosa Seoane; o director de Innovación de ABANCA, Eduardo Aldao; o director xeral de Lanzadera, Javier Jiménez, e o responsábel de Lanzadera Corporate, Ismael Valero
Hoxe
deuse a coñecer en Vigo unha nova ferramenta para impulsar na nosa
terra o que se coñece como fintech: a máis que relevante
confluencia entre o sector das tecnoloxías da información e o
ámbito financeiro. Estamos
a falar de Corporate, programa posto en marcha por Abanca e
Lanzadera, que, segundo fixeron saber os seus responsábeis, xa
ten aberto o prazo de inscrición (até o 23 de marzo na web de
Lanzadera) para que se adhiran a el novas firmas innovadoras do
devandito sector fintech pero tamén do insurtech
(seguros + novas tecnoloxías).
Abanca
e Lanzadera, a aceleradora de empresas impulsada por Juan Roig,
presentaron hoxe en Vigo o programa Corporate Lanzadera-Abanca. O
director de Innovación da entidade bancaria galega, Eduardo Aldao, a
xerente de Abanca Innova, Rosa Seoane, o director xeral de Lanzadera,
Javier Jiménez, e o responsábel de Lanzadera Corporate, Ismael
Valero, foron os encargados de introducir os detalles do programa no
que, a partir de hoxe, poden apuntarse todos aqueles emprendedores e
empresas emerxentes que se atopen desenvolvendo propostas nos
sectores financeiro e de seguros.
No
sector fintech, o programa ten o obxectivo de “atraer
startups que estean a innovar nas áreas de medios de pago,
fidelización, solucións para empresas, xestión de
patrimonios, neobancos e mercado de capitais”; mentres que
en insurtech búscanse “empresas centradas nas áreas de
novos produtos, detección de fraude, análise de datos,
automatización e experiencia de clientes”.
O
programa está concibido como complemento á estratexia de innovación
da entidade financeira galega, que en Galicia conta desde 2017 coa
súa propia aceleradora de startups, Abanca Innova.
Lanzadera
proporcionará aos emprendedores formación e asesoramento, acceso a
relatorios e eventos, e dispoñibilidade total das súas
instalacións. Os equipos seleccionados contarán cunha zona de
traballo e contacto continuo con outros emprendedores. Ademais, as
empresas disporán dunha bolsa económica para desenvolver unha proba
de concepto con Abanca.
Amais,
a entidade financeira galega asignará á iniciativa persoal
especializado para o asesoramento e seguimento da evolución dos
proxectos seleccionados. Abanca, conxuntamente con Lanzadera,
seleccionará aos participantes. O programa é equity-free,
polo que as firmas participantes non terán que ceder ningunha
porcentaxe da súa empresa.