Arredor de 300 profesionais participarán este venres na Noite Galega das Telecomunicacións

xoves, 25 de outubro do 2012 Fernando Sarasketa

O Gran Hotel da Toxa, no Grove, sede da xuntanza profresional da AETG-COETG

Como vimos lembrando dende hai días, este venres 26 celébrase na nosa terra unha cita obrigada para os profesionais galegos que traballan dándolle corpo á comunicación do futuro. Falamos da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, que vai pola súa edición XVII e que este ano xirará arredor dun fenómeno que afecta ao presente pero, sobre todo, ao noso xeito de vivir, informarnos e comunicarnos nos anos vindeiros: as cidades intelixentes. O evento, que dá comezo ás 20.00 horas no Gran Hotel da Toxa (O Grove) coa recepción de convidados, celébrase baixo o epígrafe Smart Cities, a tecnoloxía ao servizo dos cidadáns. A cita vén da man do Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) e contará, entre outros persoeiros, coa presenza do presidente en funcións da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Asemade, intervirá na apertura de actividades a directora en funcións da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira. A previsión é a de reunir no Gran Hotel da Toxa a máis de 300 profesionais do sector das telecomunicacións e das novas tecnoloxías da información (enxeñeiros, asociacións sectoriais, empresas, institucións públicas e privadas, etc.).
O acto descorrerá segundo o seguinte
PROGRAMA
20:00 h. Recepción de convidados
20:15 h. Recepción de autoridades no Gran Hotel A Toxa
20:30 h. Set de prensa- photo call (vestíbulo do hotel), comparecencia ante os medios de comunicación, fotografías cos premiados e breve declaración.
Orde de intervencións:
- Palabras de benvida por parte do decano do COETG
- Intervención do presidente en funcións da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
21.00 h. Comezo da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2012
21:05 h. Acto de presentación das Smart Cities, a tecnoloxía ao servizo dos cidadáns.
21:10 h. Entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2012
- Premio Enxeñeiro Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial no sector TIC 2012
- Premio Gradiant á Mellor Tese Doutoral Aplicada ao Sector TIC 2012
- Premio INEO ao Produto ou Servizo TIC máis innovador de 2012
- Premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais outorgado pola AETG e impulsado pola AMTEGA
- Enxeñeiro do Ano
21.35 h. Cea de gala

PUBLICIDADE