Arredor de 300 persoas inscritas para as xornadas A nación 2.0

xoves, 7 de abril do 2011 Fernando Sarasketa

Esta semana avanzouse de xeito duplo o miolo duns encontros encamiñados a pór de relevo, a través das ferramentas novas do coñecemento e da colaboración, novos recursos de acción política e social para a nosa xuventude. Falamos das segundas Xornadas da Mocidade Galega A nación 2.0. Da primeira xeira de datos achegados dimos conta nesta mesma web. A segunda desenvolveuse nun espazo ben concreto, a Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago, e veu da man de Sara Torreiro, responsábel de comunicación da Mocidade Nacionalista Galega (entidade organizadora do evento). Segundo fixo saber Torreiro, a falta dunha semana para o comezo da xuntanza (que se celebra do 12 ao 14 de abril), xa se superaron as expectativas de participación, con preto de 300 persoas inscritas ás que de seguro sumaranse máis ao longo dos días vindeiros, posto que o prazo para a inscrición fica aberto até o 11 de abril.
No acto en Santiago tamén participou Paulo Carlos López, secretario xeral da MNG, quen amosou a súa satisfacción pola notable acollida entre estudantes e traballadores que están a ter as actividades. As xornadas, que se dirixen a buscar maneiras de tirar partido dos faladoiros e mobilizacións das redes para comezar a pórlle remedio a problemas como a precariedade laboral ou o difícil acceso á vivenda, conxugarán “formación, lecer, cultura e reflexión”, segundo apuntou Paulo Carlos López.
As actividades das xornadas, por certo, non rematan o día 14 logo do peche dos encontros celebrados na Facultades de Comunicación e Ciencias Políticas, sedes primeiras do evento. De feito, haberá unha segunda parte a desenvolver os días 29 e 30 de abril en Castrelo de Miño e Ribadavia.
Volvendo á primeira parte das xornadas, dicir que entre outros representantes da cultura galega no eido dixital e das redes sociais contarase coa presenza de Pablo Belay (membro da comunidade Chuza!, medio de comunicación non xerárquico onde cada integrante da rede achega novas e vota as que subministran os demais), María Yáñez (responsable da empresa de desenvolvemento web A Navalla Suíza) ou Anxo Folgueira (da rede social galega Cabozo). Amais disto, tal e como se pode ver no programa máis completo que ofrecemos de seguido, tamén haberá (o día 14 de abril) un interesante debate acerca do caso Wikileaks (no que participarán Xoán Antón Pérez Lema e Diego Ferreiro) e outro sobre as vantaxes que se poden tirar das novas ferramentas dixitais de cara a un xeito de goberno máis aberto, transparente e participativo.
Tamén darán a súa opinión sobre estas e outras cuestións persoeiros destacados da política nacional e internacional, como o líder de Na-Bai e Aralar, Patxi Zabaleta; o ex-conseller da Generalitat e deputado por ERC, Josep Huget; Jeanne Pereita (PT), Catarina Martins (Bloco de Esquerda) e Xosé Manuel Beiras, Carlos Aymerich, Teresa Táboas (BNG), entre outros. A segunda parte, en Castrelo do Miño os días 29 e 30 de abril, conxugará roteiros e charlas sobre ecoloxismo.

MARTES 12 de abril.
Lugar: Facultade de Ciencias da Comunicación
BLOQUE I. A NACIÓN 2.0: Galiza no mundo
11.00- 12.00. Acreditacións.
12:00-12:15 Apertura.
Xosé Pereira. Decano Facultade de Ciencias da Comunicación
12:15-14:30 Unha lingua, un mundo.
Teresa Táboas- Coordinadora Executiva do BNG.
Ana Miranda- Eurodeputada do BNG.
Jeanne Pereira- Partido dos Trabalhadores do Brasil (PT)
Catarina Martins- Deputada do Bloco de Esquerda de Portugal (BE)
16:15:18:15. Globalizando resistencias: Dakar 2011. Foro
Xabier Macías- Fundación Galiza Sempre.
Gonzalo Constenla. Secretario Relacións Exteriroes e Emigración do BNG
Fernanda Couñagro Otero – Amarante Setem
18:15-19:45. Internacionalización do galego: o papel da rede.
Silvio Falcón. Asociación Alba e Groria.
Representante de “O galego na rede”.
19:45-21:00. En feminino. Obra de teatro. “Xenitais”.
Chelo do Rejo
Chus Picallo

MÉRCORES 13 de abril
Lugar: Facultade de Ciencias Política e Sociais
BLOQUE II. A NACIÓN 2.0: ¿O Estado en rede?
12:00- 14:30. É posible un Estado español 2.0?
Xosé Manuel Beiras. Ex-Portavoz Nacional do BNG.
Xosé Manuel Pérez Bouza. Senador do BNG.
Joan Puigcercós. Líder de ERC.
Patxi Zabaleta. Líder de Aralar e Portavoz de Nafarroa Bai no Parlamento de Navarra.
BLOQUE III. A NACIÓN 2.0: novas formas de comunicar
16:00- 17:30. Xornalismo, comunicación e cidadanía. A revolución 2.0?
Silvia Carregal (Xornal de Galicia)
Luis Álvarez Pousa (profesor USC e director de Tempos Novos).
Xan Codesido (Colexio de Xornalistas de Galiza).
17:30-19:00. ¿Atrapad@s na rede?
Pablo Belay. Chuza!
María Yáñez. A Navalla Suiza.
Ánxel Folgueira. Cabozo
19:00- Monólogo.
Alberte Montes.

XOVES 14 DE ABRIL.
Lugar: Facultade de Ciencias Políticas e Sociais
BLOQUE IV.NACIÓN 2.0: A NOVA DEMOCRACIA.
10:00-12:00. E-goberno e democracia participativa. Cara un novo modelo de gobernanza.
Francisco Martínez Hidalgo- Profesor da USC.
Xoán Carlos Bascuas- Executiva Nacional BNG.
Ana Luisa Bouza- Deputada no Parlamento Galego.
12:00-14:00. Dereito de informacion ou espionaxe? O caso de Wikileaks
Xoán Antón Pérez Lema, avogado.
Representante do Movemento polos Dereitos Civís
Diego Ferreiro. Grupo de Seguridade da información da Coruña.
BLOQUE V. NACIÓN 2.0: EMPREGO, CULTURA E SOCIEDADE
16:30-18:30. Cooperativízate dende moz@: novos modelos de economía produtiva.
Representante de Ugacota
Xabier Zar. Xerente de Condes de Albarei
Lidia Senra. Sindicato Labrego Galego.
18.30- 19.45 Homofobia e transfobia. Identidade e sexualidade.
Proxección da curta 1977.
Lucía Vázquez. Presidente de Aturuxo (Federación Galega LGTB)
19.45 Acto de clausura e entrega de diplomas
Carlos Aymerich, Portavoz Parlamentario do BNG.
Paulo Carlos López, Secretario Xeral MNG.
20.30 Concerto de clausura.

PUBLICIDADE