Arredor de 250 persoas participan hoxe na nova edición de GaliciaTIC

xoves, 23 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

A Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo) celebrará este xoves no edificio CINC da Cidade da Cultura, a partir das 09.30 horas, a XVII edición de GaliciaTIC, a nova convocatoria dun congreso cunha longa historia ás súas costas en materia de análise e impulso da transformación tecnolóxica das nosas empresas e entidades, mostrando as ferramentas situadas na vangarda. Neste evento está previsto que participen unhas 250 persoas e máis dunha trintena de expertos, que debaterán sobre as últimas tendencias e as oportunidades que o sector TIC brinda a Galicia.
A sesión de apertura comezará ás 9.30 horas, da man de Mar Pereira (directora da axencia autonómica AMTEGA), Fernando Vázquez (IMATIA), Ramón Ares (Ozona) e Luís Álvarez-Sestelo (Ineo). Modera: Miguel Merino, director de GaliciaTIC.
Seguidamente, Ed Gabrys, experto analista de Gartner, a prestixiosa consultora tecnolóxica, achegará un relatorio sobre o cambio cultural que se debe dar nas organizacións para conseguir unha verdadeira transformación dixital.
A maiores, o congreso contará no seu programa con relatores pertencentes á denominada “tripla hélice” da innovación: administración, universidade e empresa. Ademais, durante toda a xornada sucederanse presentacións e demostracións prácticas de utilización das novas ferramentas dixitais a favor do progreso social. Entre outras aplicacións, amosaranse as capacidades industriais da impresión 3D, exhibirase unha potente e innovadora solución capaz de gobernar e xestionar unha Cidade Intelixente ou mostraranse as potencialidades dun novo software para lentes de Realidade Virtual concibido para o tratamento de fobias, ansiedade e tensión.

PUBLICIDADE