Arredor de 200 persoas participaron en Ames no primeiro Día da AMTIC

luns, 12 de decembro do 2022 Lucía Villaverde

A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu este pasado sábado, 10 de decembro, a primeira edición do evento tecnolóxico Día da AMTIC, no que participaron preto de 200 persoas ao longo de toda a xornada. O evento foi organizado pola Concellaría de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación co obxectivo de dar a coñecer a nova aula AMTIC do Milladoiro e ofrecerlle á veciñanza local diversas actividades relacionadas co mundo da informática e tecnoloxía.
O evento, con motivo do Día Mundial da Informática que se conmemorou o pasado 9 de decembro, realizouse de 10:30 a 20:00 horas. Impartiuse un obradoiro de Administración Electrónica, que estivo especialmente enfocado na eSede do Concello de Ames. Ademais, houbo dous obradoiros de impresión 3D, para que os participantes aprenderan a usar o programa e puidesen poñelo en práctica coas súas propias impresións. Tamén se impartiu un taller sobre o programa de sofware libre de edición de imaxes GIMP.
Por outra banda, instaláronse diversos espazos permanentes: no auditorio da Casa da Cultura organizouse un torneo de FIFA e no vestíbulo do propio centro sociocultural desenvolveuse a actividade Xogando con Nintendo Switch, no que os asistentes puideron desfrutar desta consola. Tamén se organizou un taller de hama beads e outro de creación de espadas láser.
Por último, o doutor José Luis Montiel Castaño impartiu unha charla denominada Adiccións e videoxogos. Como evitar que o meu fillo me arruíne, que puxo o foco na ludopatía como consecuencia do consumo excesivo de aparellos de ocio tecnolóxico.
A concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González, destaca “a boa acollida que tivo esta primeira edición do evento tecnolóxico organizado pola Aula AMTIC do Milladoiro. O obxectivo desta xornada foi ofrecer actividades para usuarios e usuarias cun nivel medio en informática e tecnoloxía”.

PUBLICIDADE