Arrasa en Kickstarter un libro que rende tributo á Super Nintendo

martes, 11 de abril do 2017 Marcus Fernández

Dende primeiros de 2014 o deseñador gráfico británico Sam Dyer iniciou a publicación de libros baixo o selo Bitmap Books que renden tributo aos videoxogos clásicos dun xeito moi visual e un acabado moi coidado, que nos últimos anos conseguiu facer realidade 8 volumes dos que 5 acadaron financiamento en Kickstarter e que achegábanse a ordenadores como o ZX Spectrum o Commodore 64 e o Commodore Amiga e á NES, conseguindo cada vez un maior pulo, como demostra a súa última iniciativa: The unofficial SNES/Super Famicom: a visual compendium.
Falamos dun libro que buscaba 25.000 libras para poder editarse, e que case quintuplicou o seu obxectivo en poucas horas, deixando claro tanto o bo sabor de boca deixado polos anteriores traballos de Dyer como o atractivo que ten a consola Super Nintendo, considerada como a grande icona da xeración de xogos de 16 bits, marcando toda unha xeración.
Este compendio visual dunha das consolas máis queridas da historia permite revivir toda unha época na que os videoxogos entraron nos fogares marcando a toda unha xeración e sentando as bases da meirande industria do lecer na actualidade. En vista de que estamos ante toda unha peza de colección este libro de 17 x 23 centímetros e máis de 300 páxinas ofrecerase tanto con cubertas brandas como duras, a prezos de 25 e 30 libras esterlinas respectivamente (37,47 e 43,32 euros cos gastos de envío incluídos), deixando clara a intención de converterse nun prezado agasallo de Nadal, xa que os envíos dos libros realizaranse no mes de novembro.

Vídeo promocional do último libro de Bitmap Books

PUBLICIDADE