Arrancan os preparativos para a edición 24 da Noite Galega das Telecomunicacións

venres, 22 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

Xa hai data para a celebración da edición 24 dun dos máis sobranceiros eventos tecnolóxicos da nosa terra, a Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información: o vindeiro 31 de maio na Coruña. Trátase, como lembraremos, da gran cita anual do Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG). O evento, un ano máis, servirá para acubillar a entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, relevantes recoñecementos aos esforzos das nosas empresas, profesionais e entidades a prol do progreso tecnolóxico da nosa terra.
Para ir pechando detalles e sumando forzas, o COETG-AETG xa habilitou os recursos precisos para que as entidades que desexen sumarse á participación, poidan facelo da maneira máis áxil e cómoda.
Segundo lembran o colexio e a asociación, a Noite Galega das Telecomunicacións é un importante encontro de networking no que están presentes destacadas entidades e empresas do sector TIC, ademais da correspondente representación a nivel institucional e do colectivo de colexiados e asociados. As entidades tamén salientan a importancia dos galardóns que se entregan cada ano no marco da Noite, os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2019, que serán “o acto principal da cerimonia”.
Respecto da anterior edición, a de 2018, celebrouse en Vigo (Hotel Los Escudos) e foi quen de xuntar 300 asistentes (enxeñeiras e enxeñeiros de Telecomunicación, representantes do noso tecido TIC e das nosas administracións, investigadores, etc), amais de servir novamente para salientar e visualizar o noso talento innovador, a través dos Premios Galicia das Telecomunicacións 2018. Estes distinguiron finalmente as amplas potencialidades do proxecto Litter Drone, o investigador David Vázquez (Premio Gradiant polo seu traballo Detection of image resampling and video encoding footprints for forensic applications), a Abanca (Premio Acuntia), a Luciano Vidán (Premio Socio de Honra) e a Joaquín Lameiro (Premio Enxeñeiro do Ano 2018).

PUBLICIDADE