Arranca o XGN máis formativo

venres, 15 de abril do 2011 Raquel Noya

A ritmo de rock, sen tanta presa como outros anos porén coas mesmas ganas de sempre, os participantes da 12ª edición da Xuventude Galicia Net, que se celebra estes días en Santiago de Compostela, foron ocupando os seus asentos cunha orde e unha templanza difícil de imaxinar en congregacións desta índole, como se de un ano para outro, os habituais a esta party informática deixaran reservado o seu espazo de toda a vida e non tiveran que preocuparse máis que de buscar a vellos amigos coñecidos hai anos neste mesmo evento.
Este ano non se madrugou tanto e hai máis asentos libres que outros anos. Tampouco as áreas externas teñen tantos servizos para entreterse como había noutras edicións pero os “neteiros” veñen cheos de ánimos, e dispostos a xogar, interactuar, descargar contidos, probar novidades, concursar e facer amigos coas mesmas arelas coas que viñan hai doce anos, cando se celebrou a primeira edición desta party galega.

O modding está presente como é habitual nas LAN parties

As prazas para o XGN 2011 xa levan días cubertas, porén a maioría das actividades programadas, tales como os relatorios, os obradoiros, o paintball, as proxeccións, os torneos… son de acceso libre polo que as persoas que quedaron na listaxe de espera, aínda poden achegarse ata o Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia e disfrutar desta cita anual coa tecnoloxía.
Quedan 3 días por diante. Tres días cheos de actividade imparable que moitos e moitas aguantarán a base de bebidas isotónicas, barriñas de cereais e, por suposto, almofadas coas que poden botar unha sonada entre descarga e descarga.
A maioría dos relatorios e obradoiros terán lugar a partir das catro da tarde, cando a organización ten previsto celebrar un obradoiro sobre software craftsmanship no que Alfredo Casado e Alberto Peña mostraranlle ás persoas asistentes como traballar para empresas de programación.
Tamén esta tarde haberá una charla-taller sobre a ferramenta Bussiness model canvas, para analizar e crear unha empresa propia. Será a partir das 17:00 horas, da man de Abel Muiño.
Ao longo dos tres días non faltarán os obradoiros sobre programación en todo o recinto, porén se hai que destacar algún, cabe citar o de Solucións Empresariais en Java: Introdución a unha Arquitectura J2EE, que terá lugar mañá sábado ás 12:00 da man de Gabriel Collado.
Moito antes, esta mesma tarde, os internautas inscritos poderán asistir, entre outros, a un taller de robots, a un obradoiro de radio-podcast, a un relatorio sobre como mellorar o rendemento dunha web, ou á Experiencia Coca cola nas redes sociais, unha charla impartida polo community manager desta bebida, Francisco Rodríguez.
A conta atrás rematou; a 12ª edición do XGN comezou hai media hora escasa, e por megafonía xa avisan da apertura das listaxes para inscribirse nas distintas actividades. O Palacio segue en calma; a party trancorre sen incidencias…vai ser unha fin de semana prometedora.

XGN tamén amosa a súa sensibilidade coas persoas con eivas físicas

PUBLICIDADE