Arnoia acollerá o II ForoTelecos Galicia

venres, 25 de xuño do 2021 Marcus Fernández

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións de Galicia (COETTGA) celebra o II ForoTelecos Galicia o sábado 3 de xullo no Balneario Arnoia Caldaria, cita que presume de ser o primeiro evento formativo presencial que os enxeñeiros de telecomunicacións celebran a nivel nacional, de xeito que será un bo termómetro para medir avances, proxectos e expectativas do sector de cara aos vindeiros meses e para facer un breve balance do período pandémico e as súas consecuencias.
O encontro, que contará con probas de antíxenenos para todos os asistentes, abrirao o secretario de Estado das Telecomunicacións e Infraestruturas, Roberto Sánchez Sánchez, estando convidados á xornada representantes de empresas punteiras do sector das telecomunicacións e colexiados galegos, asturianos e leoneses.
As o acto inaugural desenvolveranse as xornadas técnicas formativas dirixidas principalmente a colexiados e precolexiados nas que representantes de empresas tecnolóxicas internacionais e de organizacións do sector transmitirán os seus coñecementos, experiencias e futuros proxectos.
Pechará o evento o acto de entrega dos Premios Enxeño 2020, que destacarán o grande traballo das telecomunicacións e dos enxeñeiros técnicos durante o pasado ano, no que os profesionais do sector foron auténticos heroes invisibles.

Imaxe dos relatores e premiados da anterior edición do ForoTelecos Galicia celebrado en xaneiro de 2020

PUBLICIDADE