Arlo presenta unha solución de timbre sen fíos

luns, 23 de xullo do 2018 Marcus Fernández

A división de Netgear dedicada á seguridade doméstica, Arlo, anunciou hoxe os novos Arlo Audio Doorbell e Arlo Chime, ou sexa, un timbre conectado para a porta do fogar, que integra son bidireccional e que busca empregarse en combinación coas cámaras de vixilancia da mesma marca. Temos así unha especie de porteiro automático, que pode operarse sen fíos dende o smartphone ou a tableta, xa que cando unha persoa toca o timbre, o usuario recibe unha chamada a través da aplicación de Arlo, podendo así responder en vivo ou enviar unha mensaxe pregravada.
A grande vantaxe desta tecnoloxía é que ten unha instalación moi doada, ou conectarse os dispositivos de Arlo sen fíos, e de contarmos tamén con algunha das cámaras se vixilancia da compañía o funcionamento pode coordinarse, de xeito que podemos ver ás persoas que chaman á nosa porta en vivo, e responder mediante voz dende calquera lugar (dentro ou fóra do fogar, sen que o interlocutor sexa consciente de se hai xente no domicilio nese momento).
O novo timbre sen fíos de Arlo funciona cun par de baterías AA que achegan unha autonomía de até un ano enteiro, e tamén é resistente á auga, de xeito que non ten problemas para a súa instalación en exteriores.
Aparte do botón de timbre para colocar no exterior da porta (doorbell) Arlo tamén ten un altofalante (chime) que poder colocar no interior do fogar para poder escoitar cando alguén toca o timbre sen ter que depender sempre do dispositivos móbil coa aplicación móbil de Arlo para atender ao timbre. Este altofalante pode configurarse dende a aplicación móbil, para axustar o seu volume e tamén poder definir horarios nos que se prefira que non moleste.
Esta nova solución tecnolóxica para o fogar sairá á venda no outono.

PUBLICIDADE