Argerey di que Galicia xa lidera en Europa a I+D en materia de UAV

martes, 29 de novembro do 2022 S. P.

Patricia Argerey, directora de GAIN, nunha imaxe de arquivo de Bioga

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, compareceu na mañá deste 29 de novembro no Parlamento de Galicia a petición propia co fin de debullar as principais liñas de acción da folla de ruta do Polo Aeroespacial de Galicia ata 2026. Argerey destacou “que a Comunidade xa conseguiu liderar a nivel europeo a I+D en tecnoloxías de sistemas non tripulados, atraendo a cinco empresas de referencia como son Airbus, Babcock, Telespazio, Boeing e Indra”.
Tamén dixo que esta iniciativa xa concentra en Galicia a 70 empresas e centros de coñecemento de toda a cadea de valor dos vehículos aéreos non tripulados (UAV polas súas siglas en inglés). Agora, dixo, o reto é “transformar este liderado en galego en pegada industrial”.
Argerey anunciou asemade unha nova licitación do Polo Aeroespacial de Galicia para a contratación de sistemas e ferramentas 5G e ciberseguridade para o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), que estará aberta á presentación de propostas ata o 13 de decembro. Segundo dixo, estinaranse 2M€ para implantar no CIAR un laboratorio 5G que permitirá ensaiar solucións para vehículos aéreos non tripulados baseado na conectividade desta tecnoloxía; e 1,98M€ para o desenvolvemento de sistemas de ciberseguridade que poidan ser empregados en futuros ensaios de aeronaves como parte do sistema de seguridade en voos.
Sinalou tamén que o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas “leva Galicia á primeira liña de vangarda en infraestruturas e indicou que así o testemuñan proxectos europeos como AMU-LED e COMP4DRONES, que atraeron ao centro a 66 empresas e centros tecnolóxicos de máis de 15 países”.
Amais, puxo o foco na recente sinatura dos contratos cos socios estratéxicos do Polo Aeroespacial de Galicia ata o ano 2026, que “é un dos principais fitos da nova folla de ruta” e explicou que Airbus, Babcock e Telespazio “darán continuidade ao traballo iniciado por outras compañías tamén referentes, como Indra e Boeing, e que a súa presenza suporá unha oportunidade sen precedentes para todas as empresas tecnolóxicas e industriais galegas”.
Destacou ademais que “o Polo Aeroespacial de Galicia é unha iniciativa cunha gran capacidade transformadora e que conta cunha estratexia de crecemento e consolidación con compromisos certos ata 2026”; e valorou que as consellería do Mar, Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e do Medio Rural xa están a utilizar sistemas non tripulados nas súas operativas diarias e que o impacto da incorporación destas solucións supón un antes e un despois na prestación dos servizos públicos.

PUBLICIDADE