Arcadi España visitou na Coruña as instalacións da AESIA
luns, 6 de outubro do 2025
O secretario de Estado de Política Territorial, Arcadi España, visitou este luns 6 de outubro a sede coruñesa da AESIA, onde salientou a aposta do Goberno pola desconcentración territorial da Administración Xeral do Estado (AGE) como “unha estratexia para dinamizar os territorios e ademais captar talento”.
Foi recibido na Coruña polo director xeral da axencia, Ignasi Belda. No encontro tamén participaron o delegado do Goberno, Pedro Blanco, e secretaria xeral de Coordinación Territorial, Myriam Álvarez.
España puxo en valor que, por primeira vez, un Goberno aprobou un procedemento regulado para avanzar na desconcentración territorial da AGE, concepto recollido na Constitución Española, e creou unha Comisión Consultiva específica para determinar as novas sedes.
Lembrou que esta Comisión, que depende do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, foi responsable do procedemento de selección da candidatura de Coruña como sede da AESIA, que culminou en decembro de 2022.
Xunto a AESIA, a Comisión tamén desenvolveu o proceso de elección de Sevilla como sede da Axencia Espacial Española, que se aprobou na mesma data. Nestes momentos, está aberto o prazo de candidaturas para seleccionar a sede do futuro Centro Nacional de Vulcanoloxía, que terá como coordinar e impulsar a nivel nacional as actividades de investigación científica e tecnolóxica neste campo.
Arcadi España subliñou a relevancia desta aposta, que forma parte da estratexia para captar talento na Administración e evitar a fuga de persoal cara o sector privado. “Esta estratexia é particularmente necesaria en perfís técnicos e de novas titulacións, aos que se lles ofrece a posibilidade de desenvolver a súa carreira profesional en lugares alternativos a Madrid rompendo a barreira da centralidade física da Administración”, dixo, engadindo que “a deslocalización permite, ademais, achegar máis á Administración Pública á cidadanía destes territorios”.
No seu percorrido pola AESIA, Arcadi España puido coñecer as experiencias dos e das profesionais que traballan desde a cidade da Coruña, maioritariamente de perfís tecnolóxicos, e que na actualidade suman unha trintena de efectivos.
