Arbo mostrou os seus atractivos perante un sobranceiro elenco de blogueiros

mércores, 20 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

Durante os días 9 e 10 de marzo, o Concello de Arbo organizou un encontro turístico-blogueiro para facer pechar fileiras arredor dos múltiples atractivos da contorna e, tamén, para mostralos ao mundo a través dos ollos de influencers, referentes en liña e comunicadores expertos. A xuntanza blogtrip Sabores de Arbo: o Viño, a Lamprea e a Festa da Lamprea enmarcouse dentro das actividades organizadas para promover produtos senlleiros locais, como o viño e a lamprea. E tamén para promover a Festa da Lamprea, que este ano cumpre 59 anos e que está prevista para os días 26, 27 e 28 de abril de 2019. Foi a primeira vez na historia que Arbo deu acollida (cunha xuntanza específica) a comunicadores dixitais gastronómicos e de viaxes.
O obxectivo, como dixemos, foi amosar o potencial do concello pontevedrés perante as nutridas comunidades de seareiros destes referentes dixitais: milleiros de lectores na Internet e nas redes sociais. Entre os blogs convidados atopábanse Galicia Máxica, Seseixa Galicia con Niños, Galicia Mola, Caminante del planeta, Trucos Viajeros, Alvientooo, Petiscos Galegos, Descubre cada día, Monster´s Place ou Pedro Trasende de Aporta Comunicación.
Segundo informou o Concello, esta innovadora aposta tivo un gran impacto mediático nas redes sociais. Ademais das diferentes publicacións en Twitter, Facebook e Instagram e as pegadas do evento en prensa, radio e televisión, a experiencia logrou ser trending topic a nivel nacional baixo o cancelo #SaboresdeArbo, que superou os 15 millóns de impactos en Twitter. “Con isto”, informou o Goberno local, “conseguimos que a lamprea do miño, os viños albariños, os condados e escumosos con Denominación de Orixe Rías Baixas, ou as incríbeis paisaxes coma a da Ponte de Mourentán e a Ruta das Pesqueiras chegaran a millóns de usuarios na Rede”.
O programa de actividades arrincou o sábado co recibimento dos participantes no Centro de Interpretación do Viño e a Lamprea, e a posterior baixada á praia fluvial da estación, onde entraron en contacto coa Irmandade dos Cabaleiros da Lamprea. Pola tarde houbo unha cata de viños das adegas de Arbo, á cal asistiron representantes das explotacións vitivinícolas da localidade, ao que se engadiu unha explicación histórica do devandito museo. O domingo arrincou coa visita a unha das pesqueiras do río Miño, onde Jose Antonio Nieto, lampreeiro desde os 11 anos, mostrou as ancestrais técnicas de pesca deste singular e reputado peixe, seguido dun percorrido polo sendeiro dos pescadores. A experiencia rematou ao cabo da xornada na praza do Consitorio, asistindo os participantes ao desfile do Entroido local.
En palabras do alcalde do Concello de Arbo, Horacio Gil, esta iniciativa “formou parte da importante estratexia de promoción e publicidade que a localidade está a levar a cabo na Internet e redes sociais”. O rexedor engadiu que as xornadas, “pioneiras en innovación e efectividade”, tentaron adaptarse ás novas tecnoloxías que “nestes momentos son o medio de comunicación que máis chega e utilizan os visitantes”, dando como resultado “unha experiencia moi produtiva e reconfortante”. Ademais agradeceu o importante traballo despregado polos blogueiros.

PUBLICIDADE