Aqualia premia a unha veciña de Vigo pola súa aposta a prol da factura dixital
xoves, 16 de marzo do 2017
A empresa Aqualia quere fomentar o uso de novas
tecnoloxías nos seus procedementos e comunicacións cos usuarios.
Con este obxectivo, puxo en marcha Pásate
á e-factura, un certame de alcance estatal e periodicidade
mensual que, como o seu propio nome indica, ten por finalidade facer
medrar a cifra de clientes que solicitan factura electrónica en
troques da tradicional, en papel (en termos máis concretos, Aqualia
quere acadar nun ano o millón de recibos dixitais adicionais).
Finalmente, o “palmarés” de marzo tivo presenza galega. Máis
polo miúdo a da viguesa Katia Palmeiro, que foi unha das gañadoras
trala súa aposta persoal por modernizar a metodoloxía de envío de
facturas. A
entrega do galardón (unha das dúas tabletas que se sortean cada
mes, 24 en total) celebrouse onte mesmo.
A iniciativa de promoción dixital de Aqualia
remóntase a 2016. Dende aquela, sinalaron fontes da empresa, xa se
incrementaron nun 73,9% a cifra de usuarios “en liña”. De feito,
a comezos desta ano, o número de afiliados á e-factura xa era de
preto de 300.000. Este mércores, o director de Aqualia Vigo, José
María Ardoy, fixo entrega do premio a Katia Palmeiro Lage nas
instalacións de Aqualia Vigo.