Apróbase un novo estándar para a transmisión de televisión a través da Internet

mércores, 13 de novembro do 2019 Marcus Fernández

Entre os estándares para a recepción de televisión dixital tradicionalmente conviviron os DVB-T, DVB-S e DVB-C para transmisións por TDT, satélite e cable, existindo xa novas xeracións destas especificacións e outras normas de menor impacto, pero agora está a agromar un estándar que promete un antes e un despois: o DVB-I.
Co DVB Bluebook A177 apróbase a primeira especificación do DVB-I, ou sexa, un novo estándar para a retransmisión de televisión lineal que emprega como transporte a Internet, facilitando así o acceso a futuros televisores, así como a smartphones, tabletas, ordenadores persoais e moitos outros trebellos con conexión á Rede.
Co DVB-I ábrense novas posibilidades para as canles e os operadores de televisión, xa que as especificacións aprobadas crear unha referencia para os servizos audiovisuais de futuro que queiran coller o relevo das tecnoloxías de transmisión actuais, permitindo que esta nova tecnoloxía sexa transparente para o usuario, quen non terá que saber da procedencia dos contidos de vídeo, xa que a experiencia de reprodución será consistente con independencia do método de transporte do sinal.
Temos así unha tecnoloxía que podemos ver como o futuro da TDT, que permitirá que nun mesmo televisor convivan canles emitidas polo aire con outras transmitidas pola Rede dun xeito natural, o que semella destinado a dicir adeus aos sistemas de transmisión tradicionais a longo prazo.

PUBLICIDADE