Apróbase o plan para o desenvolvemento das infraestruturas de telecomunicación de Retegal

xoves, 2 de maio do 2013 Redacción

O Consello da Xunta aprobou hoxe o Plan sectorial da empresa pública Redes de Telecomunicación Galegas (Retegal) para a implantación e o desenvolvemento das infraestruturas de telecomunicación que xestiona e que son propiedade da Xunta de Galicia. Deste xeito, o plan convértese nunha estratexia autonómica que servirá de marco para o desenvolvemento das iniciativas públicas do ámbito das telecomunicacións seguindo uns criterios de equidade territorial.
Retegal conta na actualidade con máis de 200 centros de telecomunicacións que están a ser clave no desenvolvemento do Plan de banda larga da Xunta para dotar da posibilidade de acceso á internet a todos os galegos.
No marco deste plan, a compañía dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA ten previsto poñer en marcha este ano 57 novos centros que permitirán dar servizo de banda larga a aquelas áreas do territorio galego que na actualidade non dispoñen del. Dous anos despois da súa posta en marcha, o plan posibilitoulles o acceso á Rede a preto de 660.0000 galegos dos 786.000 que non dispoñían deste servizo.
A ampliación de infraestruturas de Retegal permitirá acelerar a extensión da banda larga mediante a reutilización destas localizacións polos distintos operadores privados, aos que non lles resulta rendible realizar investimentos en determinadas zonas da xeografía galega polo súa orografía e dispersión poboacional.
O plan aprobado ocúpase de:
- Analizar todas as infraestruturas existentes xestionadas por Retegal e a situación urbanística en que se encontran cada unha delas e o papel que desempeñan tanto desde un punto de vista loxístico como operativo e tecnolóxico dentro da rede pública.
- Establecer as medidas que se consideren necesarias para a súa posible evolución e conservación.
- Cuantificar as necesidades de infraestruturas terrestres que, a curto e medio prazo, se detectan nas catro provincias que integran o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
- Localizar as áreas territoriais máis deficitarias destas infraestruturas.
- Deseñar criterios obxectivos de localización para os distintos ámbitos de solo que deberán ser reservados para a creación destas infraestruturas.
O reforzo das infraestruturas de Retegal comezou en 2010 coa construción de novos centros de telecomunicación e a ampliación da rede de fibra óptica existente. Na actualidade cóntase cunha rede de 1.854 km de fibra óptica sobre á cal se implementan tecnoloxías de última xeración que permiten a transmisión de datos a unha velocidade de 10 Gbps.
Esta actuación está a dotar a Comunidade dunha potente rede de telecomunicacións coa tecnoloxía máis avanzada en canto á capacidade de crecemento, calidade, posibilidades de evolución e maior velocidade de transporte. Deste xeito, a Xunta de Galicia, a través de Retegal xestiona unha infraestrutura que lle permitirá unha gran capilaridade para achegar a rede ás zonas máis illadas tecnoloxicamente que ata o de agora non podían acceder aos servizos dixitais máis avanzados.

PUBLICIDADE