Aprobada a Lei de Administración Dixital de Galicia

martes, 9 de xullo do 2019 Redacción

O marco xurídico para converter en realidade unha eAdministración plena, universal e accesíbel, a Lei de Administración Dixital de Galicia (LEDIXGA) recibiu este martes 9 de xullo o visto e prace do Parlamento autonómico. A aprobación implicou o remate do trámite parlamentario, tralo proceso de exposición pública e logo de que a lei fose aprobada na mesa de persoal da Xunta co “voto unánime de todas as organizacións sindicais”, lembra a Axencia para sa Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, engadindo que a novo marco xurídico “adapta á realidade do sector público autonómico as obrigas das leis estatais 39 e 40/2015”.
A nova lei, explica a axencia, aséntase en tres principios: o principio de “só unha vez”, que busca ceibar aos cidadáns de ter que reclamar datos que xa obran en poder da Administración; o principio da proactividade, que se dirixe a facilitar que a Administración forneza de servizos personalizados e se adiante ás necesidades da xente; e o principio de automatización dos procesos para conseguir unha xestión máis eficiente.
Entre as grandes novidades do novo marco aprobado hoxe sitúase a evolución das actuais oficinas de Rexistro cara a espazos de asesoramento e apoio, “nos que prestará asistencia aos cidadáns na xestións online coa Administración, tanto na presentación de escritos e solicitudes como na tramitación da identificación dixital ou na formalización de apoderamentos de representación”.
AMTEGA lembra que a lei tamén establece a posta en marcha da figura do funcionario habilitado, que posibilitará que unha persoa autorizada ou un funcionario poda realizar trámites telemáticos en nome doutra persoa.
En definitiva, a iniciativa busca consolidar a sede electrónica da Xunta como “o punto de acceso único, sinxelo e accesíbel na rede a calquera recurso ou servizo da Administración, dando especial relevancia ao cartafol do cidadá, no que poden xestionar dixitalmente toda a información referente aos seus trámites administrativos e consultar o estado dos mesmos “con todas as garantías de seguridade”.
Capacitación dixital
A norma define, “por primeira vez”, a creación dun marco galego de competencias dixitais, tomando como referencia o marco común da Comisión Europea nesta materia, para que “os cidadáns poidan acreditar os seus coñecementos tecnolóxicos e mellorar as súas competencias profesionais”. Ademais, promoverase a e-inclusión con actuacións de formación en función do nivel (alfabetización, capacitación e innovación dixital), na que a rede de aulas CeMIT “constituirá un instrumento de apoio importante”, explica a axencia autonómica, engadindo que a lei abrangue a definición dun plan de capacitación dixital do empregado público dirixido a todas as persoas que traballan nas administracións galegas e que permitirá acadar o certificado galego de e-competencias.
O regulamento senta xa que logo os alicerces para “o desenvolvemento do posto de traballo dixital do empregado público” e regula o Arquivo Electrónico Administrativo como “o elemento que vai dar acollida a todos os expedientes autonómicos en tramitación e os rematados”.
O novo marco xurídico tamén establece que o Centro de Proceso de Datos (CPDI) e a rede corporativa da Xunta constitúen “infraestrutura básica precisa para dar soporte á Administración Dixital, que deberán asegurar a prestación de todos os servizos tecnolóxicos a nivel de posto de traballo”.
A lei tamén fixa que a Xunta disporá dun plan de continuidade dos servizos dixitais, que determinará os requisitos de seguridade, calidade e continuidade, as accións preventivas, correctivas e reactivas e o establecemento de responsabilidades que permitan garantir a dispoñibilidade dos ditos servizos.
Para facilitar o seguimento dos avances e o seu impacto no funcionamento interno e na relación cos cidadáns a norma contempla a creación dun sistema de indicadores da eAdministración. A análise dos datos que proporcione o sistema, xa en marcha, permitirá introducir melloras na implantación dos servizos. Ademais, a lei aposta pola potenciación do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización Tecnolóxica de Galicia (OSIMGA) como “órgano asesor dixital para a extensión da modernización tecnolóxica da Comunidade Autónoma de Galicia”.

PUBLICIDADE