Apple rexeita a aplicación oficial de Google Voice para o iPhone
martes, 28 de xullo do 2009
Que as
aplicacións que se incorporan a iTunes teñan que ser aprobadas por Apple é todo
un atranco para os desenvolvedores, aínda que está xustificado en moitos casos
para que os programas teñan un mínimo de calidade, pero cando os vetos veñen
provocados simplemente para eliminar a competidores futuros a cousa non gusta
ao público, e o
feito de que Apple rexeite a aplicación oficial para o iPhone que abría o uso
do servizo Google Voice (dispoñible para moitos outros terminais
móbiles) creou moito rebumbio, resucitando o debate sobre a política de control
férreo que Apple ten nos seus produtos.
Nos últimos meses, as críticas centrábanse no feito de que Apple non autorizase
aplicacións que funcionen en segundo plano (o que limita moito ao iPhone) e
incluso a posibilidade de contar cun navegador coma o Firefox (ata o momento
Apple só autoriza navegadores web que fagan uso indirecto do seu Safari), pero se agora queren limitar a aparición
de aplicacións de VoIP (aparentemente ante presións das operadoras de telefonía
móbil) a cousa pinta peor, e non sería de sorprender que moitos usuarios
preferisen comezar a pensar noutros terminais (principalmente os baseados en
Android) para non estar atados aos designios da compañía de Steve Jobs.