Apple renova os seus reprodutores multimedia

mércores, 1 de setembro do 2010 Marcus Fernández

A pasada tarde Apple realizou unha importante presentación musical na que deron a coñecer a renovación da súa gama de reprodutores multimedia (coa excepción do iPod Classic) xunto con outros anuncios da compañía de Cupertino, no que foi un evento con poucas sorpresas, pois a meirande parte das novidades correspondéronse con bastante precisión cos rumores dos últimos días.
Entre as primeiras novas anunciadas por Steve Jobs estaba o iOS 4.1, a renovación do sistema operativo do iPhone, que busca arranxar problemas co sensor de proximidade e optimizar o seu funcionamento nos vellos iPhone 3G (cos que rexistráronse moitos problemas de rendemento ao actualizar a iOS 4), aproveitándose a actualización para presentar o Game Center, unha plataforma de xogos multi-usuario, e a tecnoloxía HDR que consiste na toma de dúas fotografías co móbil (unha con pouca luz e outra sobreexposta) para realizar unha combinación das mesmas acadando uns resultados bastante satisfactorios (aínda que tamén será posible obter unha fotografía ordinaria).
No tocante o iPad, Jobs anunciou que en novembro contará cunha actualización directa a iOS 4.2, que achegará a multi-tarefa ao trebello con pantalla de 9.7 polgadas de Apple, con outras novidades como a impresión sen fíos e o AirPlay (un sistema de streaming audiovisual dende o ordenador).
Volvendo aos reprodutores multimedia básicos, o iPod shuffle chega á súa cuarta xeración, reducindo o seu tamaño, retomando os botóns de control (cun panel moi semellante ao dos anteriores iPod nano ou ao dos iPod shuffle orixinais), incorporando listaxe de reprodución e levando a súa autonomía ata as 15 horas. Ten unha capacidade de 2 Gb e o seu prezo é de 49 euros.
O iPod nano é posiblemente o reprodutor que máis mudou nos últimos tempos, retomando unha aparencia cadrada (37,5 x 40,9 milímetros) e incorporando unha pinza (o que o asemella excesivamente ao iPod shuffle) e unha pantalla táctil de 1,54 polgadas cunha resolución de 240 x 240 píxeles. Custará 159 euros no seu modelo de 8 Gb e 189 euros o de 16 Gb, aínda que non sería de sorprender que moitos usuarios preferisen facerse co modelo actual, xa que esta revisión prescinde da cámara integrada (aínda que conserva a radio FM) e da reprodución de vídeo.
Unha renovación que si parecía anunciada era a correspondente ao iPod Touch, que finalmente convértese nun iPhone 4 sen conectividade 3G, GPS e compás (o que permítelle adelgazar en peso e grosor), pois incorpora pantalla Retina, cámaras HD e VGA, permite o uso de FaceTime, xiroscopio e procesador Apple A4. Promete ata 40 horas de autonomía para a reprodución musical e 7 horas para vídeo. O seu prezo será de 229, 299 e 399 euros para as súas capacidades de 8, 32 e 64 Gb.
Jobs destacou a forza que estaban a coller os videoxogos no iPod Touch, asegurando que grazas a tal éxito o iOS estaba a superar á Nintendo DS e á PSP xuntas, aínda que tal afirmación sería moi discutible, pois non fala do número de dispositivos, senón do número de xogos, o que non é unha comparación aceptable, pois a plataforma de Apple conta con moitos xogos de balde ou a prezos moi reducidos (sendo o habitual que custen uns 0,79 euros) mentres que nas consolas portátiles predominan os xogos en soporte físico a prezos de entre 20 e 40 euros (polo que en volume de negocio Apple ten aínda moito camiño que percorrer).
Pero non só o hardware protagonizou o evento de Apple, senón que tamén houbo un curruncho para iTunes, que chega á súa versión 10, e incorpora unha rede social bautizada coma Ping e que permite características semellantes ás que actualmente ten Spotify, permitindo seguir e ser seguido, compartir listaxes de reprodución, cancións e opinións. Esta nova funcionalidade estará presente tanto na versión de escritorio de iTunes coma no iPod Touch e o iPhone. Coma curiosidade, o logotipo de aplicación mudou para prescindir no mesmo dun Compact Disc que tiña de fondo, pois o soporte xa non parece ser algo que o público asocie agora á música.

O Apple TV, aparte de reducir o seu prezo, tamén fixo o propio co seu tamaño

Outro produto renovado por Apple, que finalmente non mudou de nome (pese aos rumores), foi o Apple TV, que pasa de ser un reprodutor multimedia con disco duro a un streamer puro (o que permítelle unha baixada de prezo duns 70 euros ata quedar en 119 euros), ou sexa, que serve para amosar no televisor do salón contidos multimedia almacenados no ordenador ou alugados a través dun servizo en liña de Apple, que nos EE.UU. ofrecerá series de televisión en alta definición por 99 centavos e películas (o mesmo día do seu lanzamento en DVD) por 4,99 dólares, mentres que a chegada de tal servizo a España aínda non ten data. Entendemos así que este servizo non tería moito sentido apra o mercado español, pois é posible adquirir dispositivos a prezos semellantes que teñen maior compatibilidade de formatos e potencia (o Apple TV está limitado a vídeos a 720p, mentres que moitos dos seus competidores chegan a 1.080p).


Primeiro anuncio do novo iPod Touch


O primeiro anuncio do iPod nano destaca a súa facilitadade para vestilo

O iPod Touch achégase en prestacións ao iPhone 4

PUBLICIDADE