Apple renova os seus iPod por sorpresa

mércores, 15 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos meses daba a impresión de que Apple ía abandonar os seus reprodutores iPod ante a imparable caída das súas vendas que se vía reflectida na falta de actualización destes dispositivos, pero agora que Apple está a apostar pola música co seu servizo de streaming Apple Music parecía inevitable dar unha nova oportunidade a tal gama de produto, polo que hoxe renovaron por sorpresa os iPod touch, iPod nano e iPod shuffle, o que principalmente supón unha renovación nas cores nas que están dispoñibles, agás no caso do iPod touch, que tamén inclúe un procesador A8 con coprocesador M8, cámara iSight de 8 Mpíxeles (co sistema de estabilización do iPhone 6) e coa posibilidade de adquirir en exclusiva a través de Apple un modelo cunha capacidade de 128 GB.
Temos así que os novos iPod touch serían comparables ao iPhone 6, pero mantendo a anterior pantalla Retina de 4 polgadas e ofreceríase en cor gris espacial, azul, ouro, rosa e prata de xeito ordinario (aos que sumaríase tamén a edición RED) en capacidades de 16, 32, 64 e 128 GB a 229, 279, 339 e 449 euros respectivamente.
Este produto estaría orientado tanto á reprodución de música almacenada no seu interior como de servizos como Apple Music, resultando tamén bastante interesante o seu rol como dispositivo de xogo, xa que o seu novo procesador permitiralle correr sen dificultade os últimos videoxogos desenvolvidos para iPhone.
O iPod nano carecería de novidades que vaia máis aló das cores nas que estaría dispoñible (as mesmas que o iPod touch) e só estaría dispoñible en 16 GB por 179 euros; na mesma liña teriamos o iPod shuffle, que con 2 GB estará dispoñible por 55 euros.

O iPod nano só muda nas cores da súa carcasa
O iPod shuffle tamén limita a súa renovacións ás cores dispoñibles

PUBLICIDADE