Apple renova os auriculares AirPods Max

luns, 16 de marzo do 2026 Redacción

Apple anunciou o lanzamento dos novos AirPods Max 2, unha actualización dos seus auriculares de diadema que chega coa intención de reforzar o seu posicionamento na gama alta do mercado. O novo modelo integra o chip H2 e introduce melloras na cancelación activa de ruído, unha experiencia sonora máis refinada e novas funcións intelixentes que amplían as posibilidades de uso tanto para consumo multimedia como para creación de contido. Poderán reservarse a partir do día 25 a un prezo de 579 euros, aínda que non se entregarán aos consumidores ata o mes que vén.
Aseguran que a nova arquitectura dos auriculares baseada no chip H2 permite acadar unha cancelación activa de ruído ata 1,5 veces máis efectiva que na xeración anterior. A mellora do procesamento dixital do sinal tamén afecta ao modo transparencia, que agora reproduce os sons do contorno dun xeito máis natural para que o usuario poida manter a percepción do que acontece ao seu redor mentres utiliza os auriculares.
Os AirPods Max 2 integran un novo amplificador de alto rango dinámico que contribúe a unha reprodución máis limpa e detallada do son. Ademais, os auriculares permiten reproducir audio sen perdas de 24 bits e 48 kHz cando se conectan mediante o cable USB-C incluído. Esta configuración tamén ofrece unha latencia moi baixa, o que resulta especialmente relevante para tarefas profesionais de creación musical ou edición de audio en aplicacións como Logic Pro.
A nova xeración de auriculares incorpora unha serie de funcións intelixentes que xa estaban presentes noutros modelos da gama AirPods. Entre elas figura o audio adaptativo, que adapta automaticamente o equilibrio entre cancelación de ruído e modo transparencia segundo o contorno, ou conversation awareness, que reduce o volume da reprodución cando o usuario inicia unha conversa.
Outra novidade destacada é a tradución en tempo real, unha función baseada en Apple Intelligence que facilita a comunicación presencial entre persoas que falan idiomas diferentes. A isto súmase o illamento de voz, que utiliza procesamento computacional do audio para priorizar a voz do usuario nas chamadas e minimizar o ruído ambiental.
Os AirPods Max 2 tamén incorporan funcións pensadas para creadores de contido. Entre elas destaca a gravación de audio con calidade de estudio, orientada a entrevistas, podcast ou gravación vocal, así como un sistema de control remoto da cámara que permite iniciar ou deter a gravación de vídeo ou tomar fotografías desde os auriculares mediante a coroa dixital.
Outras funcións inclúen redución de sons ambientais intensos para protexer a audición, axuste automático do volume segundo as preferencias do usuario e interaccións con Siri mediante xestos da cabeza.