Apple renova o iPhone SE

martes, 8 de marzo do 2022 Marcus Fernández

O novo evento de Apple abriu dando conta de novidades que chegarán a Apple TV+, novos acabados en verde para o iPhone 13 e a renovación do iPhone SE, o móbil máis económico da compañía de Cupertino, que chegará o mercado o vindeiro día 18 a un prezo que parte dos 529 euros para o modelo con 64 GB de almacenamento e chega até os 699 euros do modelo con 256 GB de capacidade, e que mantendo o seu vello formato e a súa pantalla de 4,7 polgadas, destaca por incorporar un procesador A15 Bionic de 4 núcleos (procesador utilizado no iPhone 13) e conectividade 5G.
O novo smartphone tamén mellora a súa resistencia (ao equiparse co mesmo cristal que o iPhone 13 na súa frontal e na súa traseira), mellora a súa autonomía grazas á optimización do seu procesador e, grazas ao seu novo procesador, consegue non só funcionar dun xeito máis áxil, senón tamén poder tirar proveito de diferentes funcións avanzadas, o que nótase especialmente no apartado da súa cámara de 12 Mpíxeles, que agora pode tirar proveito de Smart HDr 4, estilos fotográficos, Deep Fusion e o modo retrato.
Unha interesante opción para os que queren un móbil de tamaño compacto e moita potencia, pois para os que prefiran unha cámara versátil e unha pantalla grande aínda están á venda móbiles como o iPhone 11, que ten un prezo moi semellante (parte oficialmente dos 589 euros, pero de oferta puideron atoparse por 529 euros o mes pasado).

Vídeo promocional do novo iPhone SE

PUBLICIDADE