Apple recoñece os problemas dos teclados de bolboreta e ofrécese a arranxalos de balde

venres, 22 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Hai pouco máis dun mes presentouse nos EE.UU. unha demanda colectiva contra Apple por mor dos fallos nos teclados bolboreta dos seus ordenadores portátiles, que parecían estar a experimentar serios problemas de funcionamento provocados por un fallo de deseño que para moitos resultaba evidente, pero que a compañía de Cupertino non recoñecía.
Finalmente parecen dar o seu brazo a torcer, e na súa páxina web aseguran que «unha pequena porcentaxe de certos modelos de MacBook e MacBook Pro» poden ter problemas como: repetir letras de xeito inesperado, non transmitir a tecla pulsada ou sentirse pegañenta ou non responder de xeito consistente, e ofrecen unha reparación de balde aos usuarios afectados.
A reparación precisa dos teclados pode ir dende a substitución de teclas soltas até do teclado completo, e os modelos afectados serían os MacBook de 12 polgadas dende primeiros de 2015 e os MacBook Pro de 13 e 15 polgadas dende 2016, ou sexa, os equipos que incluían o revolucionario teclado bolboreta que dende o comezo foi visto de xeito crítico por moitos usuarios que aseguraban que non ofrecía unha boa resposta e a súa experiencia de uso non estaba acorde ao prezo dos equipos nos que se integraba (que superan os 1.500 euros e nos casos dos equipos de 15 polgadas é doado que o seu prezo estea no contorno dos 3.000 euros).
Este servizo de reparación especial pode contentar a algún usuario, pero de confirmarse as sospeitas dos afectados, só sería un parche, xa que o fallo de deseño dos teclados persiste, de xeito que tras a reparación é moi probable que volvan fallar (de feito, algúns dos denunciantes recoñeceron ter acudido ao servizo técnico en varias ocasións). Que chegue despois de dous anos de queixas e dunha demanda colectiva (que aínda non se resolveu) tampouco di nada positivo de Apple, que debería ter recoñecido e corrixido o problema en vez de negalo reiteradamente (incluso lanzou unha segunda xeración do teclado de bolboreta que parecía ter problemas semellantes á anterior, o que resulta moi difícil de xustificar).

PUBLICIDADE