Apple presentará novos produtos o vindeiro día 15

mércores, 9 de setembro do 2020 Marcus Fernández

Apple anunciou que o vindeiro día 15 celebrará un evento en liña que que leva por título Time Flies, ou sexa, O Tempo Voa, o que daría a entender que non sería a presentación dos novos iPhone (que sería no mes de outubro segundo o analista Mark Gurman), senón que a cita serviría para presentar unha nova xeración do Apple Watch, aproveitando a ocasión para amosar un novo iPad.
Dende Bloomberg apuntan á posibilidade de que vaian presentar unha diversificación do Apple Watch, de xeito que habería unha evolución do reloxo conectado actual, pero tamén unha versión máis económica para chegar a un maior público. No caso das tabletas, confíase na chegada dun iPad Air con marcos reducidos.
Outros produtos de Apple que quedarían pendentes de presentarse, e que posiblemente poderían deixarse ver a semana que vén, serían un HomePod de tamaño reducido e os primeiros auriculares de diadema da marca Apple (este tipo de produtos comercializábanse baixo a marca Beats).
No que respecta aos iPhone, este ano prevese que reciban conectividade 5G, pantallas cunha velocidade de refresco de 120 Hz e incluso escáner LiDAR nos modelos superiores, comentándose que desta volta chegarían 4 modelos, ou sexa, que aparte das versións Pro e Pro Max habería dous tamaños do iPhone básico, o que podería servir para reducir unha vez máis a barreira de entrada, xa que en vez de ofrecer un iPhone 12 cunha pantalla máis grande, optarían por unha pantalla máis cativa (5,4 polgadas).

PUBLICIDADE