Apple presenta os seus novos ordenadores con procesadores propios

martes, 10 de novembro do 2020 Marcus Fernández

No mes de xuño Apple anunciou oficialmente que estaba a prepararse para dicir adeus aos procesadores de Intel, pasando a empregar procesadores de desenvolvemento propio baseados na arquitectura ARM, no que daban en chamar Apple silicon e que nos últimos meses estaba presente nun Mac mini equipados cun procesador A12Z Bionic (ou sexa, que sería como ter un Mac cun procesador de iPad Pro) para facilitar que os desenvolvedores tivesen equipos cos que probar o seu software até hoxe, cando finalmente presentaron o M1, potente solución de sistema nun chip (SoC) fabricando cun proceso de 5 nm que presume de grande potencia, pequeno tamaño e un consumo moi eficiente.
Dende Apple aseguran que o M1 conseguiría un desempeño de CPU 3,5 veces superior e de GPU até 6 veces maior, multiplicando por 15 a velocidade dos procedementos de machine learning á vez que dobraría a autonomía con respecto á anterior xeración de equipos, polo que podería ser o meirande salto dado nunca por unha nova xeración de Mac.
Estes novos procesadores irán integrándose nos equipos de Apple durante os vindeiros 2 anos, até chegar a todas as gamas, comezando a transición polo MacBook Air, o MacBook Pro de 13 polgadas e o Mac mini, que chegarán ás tendas o vindeiro día 17, deixando claro que Apple quere avanzar con paso firme nesta transformación na que os futuros Mac dependerán case na súa totalidade de tecnoloxía de Apple, distanciándose do enfoque anterior, no que os Mac eran basicamente equipos PC cun sistema operativo diferente de Windows.

MacBook Air

O MacBook Air con pantalla de 13 polgadas é probablemente o mellor exemplo de aplicación dos procesadores M1, xa que mantendo ao aspecto exterior das anteriores xeracións, conséguese un rendemento moi superior a nivel de capacidade de procesamento e incluso dobraría a velocidade das unidade SSD, presumindo de ser máis rápido que o 98% dos portátiles PC vendidos no último ano e podendo achegar até 15 horas de navegación web ou 18 horas de reprodución de vídeo, de xeito que sería o MacBook Air coa meirande autonomía da historia.
Este equipo chega ao mercado cunha configuración base con 8 GB de RAM e 256 GB de SSD a un prezo de 1.129 euros, mentres que a versión con 512 GB de SSD subiría o seu prezo até o 1.399 euros. É posible configurado con até 16 GB de RAM e 2 TB de SSD, o que subiría o seu prezo até os 2.279 euros.

MacBook Pro

A renovación dos MacBook Air era previsible, pero que o chip M1 xa estivese á altura dun MacBook Pro pillou a moitos por sorpresa, aínda que dende Apple foron prudentes e limitaron por agora a renovación ao modelo con pantalla de 13 polgadas, que tamén dá un importante salto de potencia e leva a súa autonomía até as 17 horas de navegación web e 20 horas de reprodución de vídeo, de xeito que conseguiría practicamente o dobre de autonomía que a anterior xeración de equipos da compañía da mazá.
O MacBook Pro base ten 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento interno, vendéndose a 1.449 euros, podendo ampliarse até os 16 GB de RAM e os 2 TB de SSD quedando o seu prezo en 2.599 euros. Cómpre salientar que neste caso a cantidade de memoria RAM máxima estaría bastante limitada, polo que podemos entender que os usuarios máis esixentes deberán agardar á renovación do modelo con pantalla de 16 polgadas, que actualmente está equipado con procesadores Intel Core i7/i9 e até 64 GB de RAM.

Mac mini

Como opción para o escritorio resulta agradable ver a renovación do Mac mini, equipo moi maltratado nos últimos anos, que agora triplica a potencia da súa CPU e que segundo Apple conseguiría ir até 5 veces máis rápido que un ordenador de escritorio con Windows no seu rango de prezo.
O MacMini base ten 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento interno por un prezo de 799 euros, podendo equiparse con até 16 GB de RAM e 2 TB de SSD, o que eleva o seu prezo até os 1.949 euros. Este equipo vén con bastantes portos de alta velocidade (os seus 2 portos Thunderbolt soportan transferencias de datos de até 40 Gb/s) e pode conectarse a un monitor externo até 6K (soportando incluso un segundo monitor 4K), polo que sería máis que válido para editar vídeo, producir música ou incluso desenvolver aplicacións con Xcode, distanciándose bastante da idea preconcibida de que podería ser un equipo básico para simples tarefas ofimáticas.

O software

Pero non podemos esquecer que o desempeño impresionante que promete Apple baséase no feito de que os novos Mac corran aplicacións adaptadas ao chip M1, que é unha das bases nas que se sustenta macOS Big Sur, sistema operativo que tira proveito do M1, o que supón que tanto corre as aplicacións adaptadas como permite o uso da tecnoloxía Rosetta 2 para poder executar sen problemas as aplicacións de Mac que non fose compiladas de xeito recente para considerarse universais.
Confíanse en que nas vindeiras semanas as principais aplicacións para macOS reciban actualizacións para poder tirar proveito das posibilidades dos novos equipos de Apple, que será cando por fin poderá comprobarse se as melloras de rendemento prometidas pola compañía de Cupertino están á altura das expectativas.

Vídeo coa presentación do SoC M1 e dos novos equipos de Apple

PUBLICIDADE