Apple presenta o iPhone 4

luns, 7 de xuño do 2010 Marcus Fernández

A filtración dun prototipo do novo iPhone ensombreceu a presentación que esta tarde realizou Apple durante o WWDC, posto que non houbo sorpresas (agás certas incidencias coa conectividade Wi-Fi durante a presentación), de xeito que Steve Jobs e outros responsables da compañía de Cupertino limitáronse a saír á palestra a dar conta da boa acollida do iPad e detallar as características do iPhone 4 e do seu novo sistema operativo (que muda o seu nome de iPhone OS a iOS).
O novo móbil de Apple sairá oficialmente nos EE.UU. (xunto con Reino Unido, Xapón, Francia e Alemaña) o vindeiro día 24, mentres que en España haberá que agardar a xullo para poder mercar o terminal, aínda que xa está confirmado que non chegará só da man de Movistar, pois Orange xa anunciou que vai vendelo no noso territorio e tamén é de agardar que nos vindeiros días Vodafone emita unha comunicación semellante.

Nesta ocasión o modelo branco do iPhone tamén cambiará de cor a súa parte frontal

Recapitulando, o iPhone 4 presentaría un novo deseño, sería un 24% máis delgado que o iPhone 3GS, as súas partes frontal e traseira sería de cristal, funcionaría con tarxetas microSIM (coma o iPad), contaría cunha cámara de 5 Mpíxeles con flash LED e capaz de gravar vídeo a 720p a 30 fps, contaría con cámara frontal para videoconferencia, melloraría a súa pantalla incorporando tecnoloxía IPS e chegando a unha resolución de 960 x 640 píxeles, funcionaría cun procesador Apple A4 (coma o iPad), contará cun xiroscopio para mellorar as súas posibilidades de movemento principalmente nos xogos (esta tecnoloxía sería como a do Wii MotionPlus da consola doméstica de Nintendo), tería conectividade Wi-Fi n e HSDPA a 7,2 Mbps, o seu grosor sería de só 9,5 milímetros e contaría cun segundo micrófono para a cancelación de ruído (coma o Nexus One de Google).
Destas prestacións habería que precisar especialmente a Pantalla Retina, chamada así porque dende Apple aseguran que a 25-30 centímetros de distancia tería unha definición superior ao que pode percibir as nosas retinas (algo moi discutible) e que mellorará principalmente a lectura de texto. Tamén resultou rechamante que anunciasen que o iPhone 4 vai permitir o uso dunha versión de iMovie para editar os vídeos gravados no móbil dende o propio terminal (aínda que estamos a falar dunha aplicación de pagamento).
Algúns poderían considerar irónico que unha das prestacións estrela do iPhone 4 fose FaceTime, un servizo de videoconferencia que inicialmente só funcionará a través de Wi-Fi e que non será compatible coa videochamada que está presente en teléfonos móbiles dende os primeiros terminais 3G, de xeito que sería unha prestación que só podería empregarse para comunicarse entre usuarios do novo móbil, polo que parece difícil de entender que Apple dera tanta importancia a unha prestación que en anteriores presentacións consideraban que non tiña demanda do público. De todos os xeitos cómpre destacar que FaceTime semella unha solución bastante avanzada, que permite o uso do móbil tanto en vertical coma en horizontal, e pode empregar calquera das dúas cámaras do móbil (de xeito que serve para comunicar aos interlocutores ou para amosar algo a outra persoa en remoto). É de agardar que nos vindeiros meses Apple chegue a acordos coas operadoras de telefonía móbil para que permitan este tipo de servizo dentro das súas redes de datos.
Pero se algo hai que destacar o iPhone 4, parece evidente que iso é o seu sistema operativo, o iOS 4, que chegará aos usuarios actuais de iPhone o vindeiro día 21, e que incorpora moitas melloras entre as que está a multi-tarefa, de xeito que poderanse empregar varias aplicacións ao mesmo tempo, podendo conmutar entre as mesmas sen perder o estado no que estaban cando as abandonamos, o que era unha das principais eivas do iPhone e que non teñen outras plataformas coma Android.

A presentación do iPhone 4 serviu para anunciar o lanzamento de Guitar Hero para os móbiles de Apple

No tocante aos videoxogos, aínda que non deron a este aspecto tanta importancia como en anteriores presentacións, Apple aproveitou a ocasión para anunciar que Farmville (a granxa de Facebook desenvolvida por Zynga) chegará en breve ao iPhone, mentres que Guitar Hero estrean hoxe mesmo a súa conversión aos terminais de Apple, incorporándose á App Store a un prezo de 2,39 euros. Este xogo inclúe as cancións We Are The Champions (Queen), Savior (Rise Against), Paint It Black (The Rolling Stones), Say It Ain’t So (Weezer), Seven Nation Army (The White Stripes) e Cousins (Vampire Weekend), que poderán ampliarse a través dunha tenda de descargas integrada.
O lanzamento deste novo móbil tamén vai supor un cambio no ecosistema do iOS, de xeito que agora desaparece do mercado o iPhone 3G, e o iPhone 3GS de 8 Gb baixa de prezo nos EE.UU. a 99 dólares, mentres que o iPhone 4 de 16 Gb custará 199 dólares e o de 32 Gb terá un prezo de 299 dólares (estes prezos inclúen un compromiso de permanencia de 24 meses con AT&T), aínda que Steve Jobs tamén anunciou que AT&T prepara ofertas especiais para clientes da compañía para que poidan renovar o seu iPhone ata 6 meses antes de que remate o seu compromiso de permanencia actual.
Para rematar poderiamos criticar o feito de que entre os idiomas presentes no iPhone 4 estean tanto o español coma o catalán, á vez que déixanse de lado ao éuscaro e ao galego.


Vídeo de presentación do novo iPhone 4

Unha das principais características do iPhone 4 é a mellora da súa resolución de pantalla
O iPhone 4 permite tanto a gravación como a edición de vídeo a 720p
Durante a conferencia tiveron varios problemas coa rede Wi-Fi

PUBLICIDADE